Fecoht Informa

Fecoht Informa

25 enero 2012

DIALOGO SOCIAL GALICIA

Asinados novos acordos do diálogo social para fomentar o emprego, recuperar a actividade e protexer as persoas
Hoxe tivo lugar en Santiago de Compostela o acto de asinamento dun novo paquete de acordos froito do proceso de diálogo social entre a patronal, a Administración autonómica e os sindicatos CCOO e UGT. Para o secretario xeral do Sindicato Nacional de Comisións Obreiras, Xosé Manuel Sánchez Aguión, os devanditos acordos deben contribuír a mellorar a protección social das persoas máis afectadas pola crise, reactivar a actividade económica, impulsar o tecido produtivo e frear a destrución de emprego.

Así, o anteproxecto de Lei de inclusión social de Galicia procura incrementar a cobertura das persoas máis desfavorecidas. «Cómpre agora axilizar o máis posible a súa tramitación parlamentaria para cumprir co acordado nas mesas» pero, sobre todo, «para darlle reposta a esa crúa realidade que sofren os homes e mulleres que quedaron sen emprego ou carecen de calquera prestación económica», sinalou Aguión. O mesmo obxectivo procuran os acordos en materias como o desenvolvemento da Lei de dependencia, a atención ás persoas con discapacidade e o programa de atención individualizada de mozos e mozas en paro.

Na súa intervención durante o acto de asinamento, o secretario xeral do Sindicato Nacional de CCOO salientou a importancia dos acordos en materia de infraestruturas e desenvolvemento sostible. Os primeiros, por contribuíren «a mellorar a nosa calidade de vida», e os segundos, por apostaren «por un novo modelo produtivo baseado no crecemento sostible e nos empregos verdes». Sánchez Aguión reivindicou «un pulo» ás infraestruturas de transporte previstas no acordo de mobilidade, tanto as que son competencia da comunidade autónoma como as de competencia estatal, pois favorecerán a reactivación da actividade económica e, canda ela, a do emprego, ademais de facilitar que as empresas galegas coloquen as súas producións noutros mercados.

O secretario xeral de CCOO recoñeceu que estamos nun «mal momento» para o emprego e para as empresas, en especial nalgúns sectores «básicos» da nosa economía, Por iso, hai un paquete de acordos que apostan polo autoemprego, polo apoio ás pequenas empresas como piar básico para a saída da crise e por dous dos sectores estratéxicos de Galicia: a automoción e o sector naval. O acordo da automoción recolle medidas para a súa dinamización, mentres que o do naval procura a mellora da profesionalidade do sector e incorpora medidas de apoio financeiro ás empresas. Con todo, reclamou a implicación dos gobernos autonómico e estatal, xa que estas medidas, por si soas, «non abondan para dar resposta ao problema do tax lease nin á falta de carga de traballo dos estaleiros».

Canto ás actuacións en materia de emprego, o acordo «non responde ás materias inicialmente acordadas», senón que «intenta dar resposta á negativa situación do mercado laboral» con dúas iniciativas «innovadoras» en emprego para mozos e mozas e para persoas que carecen de recursos económicos, e unha adecuación dos incentivos á contratación ao novo contexto económico.

A participación institucional dos axentes económicos e sociais nos diferentes ámbitos da Administración é «un paso máis do proceso de diálogo social», e nese sentido asináronse dous acordos que amplían o espectro do propio diálogo social.

«Os deberes están cumpridos» en materia de axuste
A cohesión, o benestar a protección social e os servizos públicos son «elementos fundamentais» na dimensión democrática da sociedade e que encaixan de pleno nas competencias autonómicas. Por iso, Sánchez Aguión finalizou a súa intervención sinalando que na comunidade autónoma «levamos xa dous anos de políticas de axuste e recorte orzamentario», polo que considera que «os deberes están cumpridos» na materia. Lembrou, ademais, que este ano hai 250 millóns que Galicia non lle terá que devolver ao Estado, e que a situación debe aproveitarse para traballar noutro modelo de desenvolvemento que saque o país da crise.

No hay comentarios:

Publicar un comentario