O desemprego acada en Galicia un novo teito histórico, con 253.416 parados e paradas no mes de novembro
O incremento do número de persoas desempregadas durante o mes de novembro deixa en Galicia 253.416 parados e paradas, un volume de desemprego que para Comisións Obreiras (CC OO) resulta “social e persoalmente insostible” e que marca un novo teito histórico. O sindicato alerta, ademais, do risco de exclusión social polo aumento do número de persoas que están a esgotar as prestacións.
Os datos coñecidos hoxe constitúen, para CC OO, o “fracaso” da reforma laboral, porque “nin creou emprego nin reduciu a dualidade do mercado laboral”, sinala Maica Bouza, secretaria de Emprego do sindicato. A saída da crise, a recuperación da actividade e, con ela, do emprego requiren “outro tipo de medidas de carácter macroeconómico”, sinala Bouza. Estas dependen da recuperación do crédito, unha política fiscal máis xusta, unha recuperación da política industrial e o apoio aos sectores produtivos.
“Cómpre unha política que poña as persoas e o emprego no seu eixe e que outorgue cobertura social ás persoas que non a teñen”, sinala Bouza. Nesta liña, o Sindicato Nacional de CC OO propón un grande acordo das forzas sociais e políticas para que Galicia saia da crise “en mellores condicións das que entrou”, para loitar pola creación de emprego e polo mantemento e ampliación duns servizos públicos de calidade como factor de cohesión social. “En definitiva, un pacto galego polo emprego e por uns servizos públicos de calidade”.
No mes de novembro, o desemprego galego medrou en 11.274 persoas, un 4,66% (é a maior suba total de España e a terceira en termos porcentuais), o que nos deixa cun total de 253.416 persoas desempregadas, a maior cifra de paro da historia de Galicia. A suba é 3,29 puntos superior á do conxunto do Estado, que tivo un incremento do 1,37%. En novembro, o 52,39% das persoas desempregadas son mulleres (132.776 por 120.640 homes), os mozos e mozas menores de 25 anos en paro son 21.768 (o 8,59% do total, 0,25 puntos máis ca no mes anterior). En comparación con outubro, o paro incrementouse nas mulleres un 3,46%, menos do que medra nos homes, un 6,00%. Para as persoas menores de 25 anos, o aumento foi do 7,81%: nas mozas subiu o 6,07%, menos que nos mozos, para os que o aumento chegou ata o 9,27%. Nos maiores de 24 anos, o incremento do paro foi do 5,65% nos homes e do 3,26%, nas mulleres, o que fai un incremento do 4,37% neste grupo.
Análise por sectores e interanual
O paro aumentou en novembro en todos os sectores. A maior suba absoluta foi nos servizos (5.785 persoas paradas máis), mentres que en termos relativos deuse na agricultura (un 8,27%). En España, o desemprego descendeu só na agricultura. Comparando con novembro de 2010, o resultado é un incremento do desemprego en case todos os sectores (só descende un 1,30%, 369 menos no colectivo sen emprego anterior), pero sobre todo medra nos servizos en termos absolutos (11.387 persoas) e, en relativos, na construción (17,41%).
Respecto ao mes novembro de 2010, o paro aumentou en Galicia en 21.695 persoas, un 9,36% (o sétimo maior incremento de España). Esta porcentaxe supera a media estatal en 1,82 puntos. Por sexos, hai 14.599 homes máis en paro e 7.096 mulleres máis, aumentos do 13,77% e o 5,65% respectivamente. Entre as mozas e mozos menores de 25 anos descendeu o desemprego un 0,13% con respecto ao ano pasado. No lado contrario, nos maiores de 24 anos incrementouse un 10,35% (influído sobre todo polo crecemento do 15,34% que se deu na poboación masculina).
Análise da contratación
En novembro asináronse en Galicia 50.400 contratos (6.729 menos ca no mes pasado); isto supón unha caída do 11,78% con respecto a outubro. Do total de contratos asinados, o 7,30% (3.681) foron indefinidos, 0,30 puntos máis que en outubro. No conxunto de España este tipo de contratación supuxo o 6,89% da contratación total, 0,41 puntos menos que en Galicia. Formalizáronse, ademais, 46.719 contratos temporais. A contratación indefinida descende un 8,00% e a temporal un 12,06%. As mulleres asinaron o 49,03% do total de contratos e o 13,87% dos indefinidos, e as mozas e mozos asinaron o 17,60% do total e o 13,20% dos indefinidos.
En termos interanuais, formalizáronse 4.220 contratos menos que un ano antes, o que supuxo un descenso do 7,73%. A contratación indefinida sofre unha caída do 22,13% (1.046 contratos menos) e a temporal do 6,36% (3.174 menos). Estes datos son similares aos do Estado, onde caeu a contratación indefinida un 22,39% e a temporal o 1,34%.
Afiliación á seguridade social
A afiliación media á seguridade social baixou en Galicia neste mes de novembro en 7.042 persoas (un 0,72%); queda así o total de cotizantes en 974.345. En España caeu a afiliación un 0,64%. Por réximes, medrou o número de cotizantes no especial do mar, o 0,65%, e no de empregadas e empregados de fogar un 0,17% (o especial do carbón e a minaría mantense invariable). Nos demais sectores caeu a afiliación, no xeral (6.516 menos, un 0,91%), un 0,27% nos autónomos e no especial agrario caeu un 2,70%. En termos interanuais, rexistráronse 31.431 persoas afiliadas menos (o 3,13%), unha caída superior en 1,06 puntos á do conxunto do Estado, que foi do 2,07%. No réxime especial agrario produciuse un incremento da afiliación galega do 4,04% (186 afiliados e afiliadas máis que no mesmo mes do ano anterior), e do 0,38% no especial de empregados de fogar, descendendo a afiliación nos demais réximes.
No hay comentarios:
Publicar un comentario