A recesión acelera a destrución de emprego en Galicia no primeiro trimestre do ano
É unha das comunidades autónomas cos datos de desemprego máis negativos
25-4-2013.- Os datos da enquisa de poboación activa (EPA) do primeiro trimestre de 2013 poñen de manifesto que se acelerou a destrución de emprego en Galicia. Neste período produciuse o 52,8% da perda de postos de traballo do último ano: 27.400 empregos menos nos primeiros tres meses de 2013 e 51.900 menos comparando co primeiro trimestre de 2012. Así as cousas, o número total de persoas desempregadas é de 287.400.
A dinámica de emprego de Galicia é peor que a media española: a taxa de destrución de emprego no primeiro trimestre do ano foi do 2,67 % polo 1,9 % da media estatal. Isto sitúa a Galicia como a sexta comunidade autónoma con peores datos.
Canto á ocupación, CC OO alerta de que por primeira vez en varios anos está por baixo do millón de persoas (998.500). Ademais, cómpre sinalar outra cuestión: no primeiro trimestre do ano destruíronse 27.400 empregos, pero o paro só aumentou en 10.000, o que revela que hai preto de 17.000 persoas que abandonaron a actividade, que non teñen perspectivas de atopar emprego.
CC OO sinala outro dato negativo: a perda de emprego no primeiro trimestre dáse en todos os sectores de actividade, especialmente nos servizos (14.000 empregos menos), no sector primario (7.000), na industria (5.000) e na construción (1.600 construción).
A taxa de paro en Galicia, segundo a última EPA, é do 22,35 %, mentres que a de actividade se sitúa no 54,56 %. Por sexos, a taxa de paro é similar —22, 44% a masculina, 22,25 % a feminina—, todo o contrario que a de actividade —60,65 % a dos homes, mentres que a das mulleres é do 49,01 %.
Valoración de CC OO
Para a secretaria de Emprego de CC OO de Galicia, Maica Bouza, os datos da EPA son a constatación do «panorama desolador» dunha economía en recesión. Na súa opinión, mentres non varíen as políticas económicas da Xunta e do Goberno central, a situación non mellorará, senón todo o contrario: as medidas de axuste provocarán máis paro, máis pobreza e maior exclusión social.
Por esta razón, CC OO seguirá a reivindicar, fronte aos recortes, políticas de reactivación da economía, xa que só o crecemento económico poderá reactivar o emprego.
No hay comentarios:
Publicar un comentario