CCOO reparte hoxe material informativo contra o novo convenio dos grandes almacéns
A Federación de Comercio, Hostalaría e Turismo de Comisións Obreiras (FECOHT-CCOO) reparte hoxe material informativo en todos os grandes almacéns de Galicia contra o novo convenio, que recorta dereitos e non garante o emprego no sector. Durante a xornada de hoxe achegaranse aos centros de traballo que empresas como El Corte Inglés, Carrefour, Alcampo, Toys "R" Us, Mediamarkt, C&A, Leroy Merlin ou Aki teñen no noso país
A distribución de material informativo é unha nova acción de CCOO contra un convenio asinado «con nocturnidade e aleivosía» por Fasga e Fetico na madrugada do pasado 31 de xaneiro. O resto de sindicatos, entre eles Comisións, rexéitano e convocaron xa diversas accións de protesta.
CCOO denuncia que o novo convenio incrementa a xornada laboral anual en 28 horas, establece que se pode modificar ante calquera imprevisto a distribución trimestral da xornada, fai que a maioría do persoal traballe gratis os domingos e fixa o incremento salarial máximo no 1 %, en todo caso ligado ás vendas —pola contra, onde descendan, o soldo podería minguar ata o 5 %.
Outros aspectos do novo convenio que CCOO denuncia son os contratos formativos de 450 euros por corenta horas semanais, na liña dos famosos miniempregos.
CCOO seguirá defendendo ata o final que este non é o convenio que os traballadores e traballadoras do sector merecen. «Estamos nun sector en que a maioría das empresas, por non dicir a totalidade, teñen beneficios, o que non xustifica baixo ningún concepto que se deteriore desta forma tan abusiva as condicións laborais», denuncia Isabel Castaño, secretaria xeral de FECOHT-CCOO de Galicia.
Próximas accións
Nas manifestacións convocadas para o 1.º de Maio en toda Galicia, FECOHT-CC OO participará con pancartas contra este convenio. Ademais, o vindeiro día 4, entre as 12 e as 13 horas, haberá en Vigo unha concentración diante do Alcampo da avenida de Madrid.
No hay comentarios:
Publicar un comentario