Fecoht Informa

Fecoht Informa

09 noviembre 2011

Presentouse en Vigo o XVI Encontro Sindical da Muller, que terá lugar os días 10 e 11


As responsables de Igualdade de CCOO, UGT e CIG na comarca de Vigo, Elena Rodríguez, Ángeles Arias e Consuelo Martínez, respectivamente, presentaron esta mañá en conferencia de prensa conxunta o XVI Encontro Sindical da Muller, que este ano terá por lema «Muller: defende o teu futuro».




O devandito encontro terá lugar no Hotel Coia os próximos días 10 e 11 de novembro. A sesión do primeiro día comezará ás 10h, coas intervencións inaugurais das tres secretarias de Igualdade. Xa ás 10 e media, Rocío Fraga Sáenz (CCOO) presentará un relatorio sobre as problemáticas e perspectivas laborais desde a incorporación ao mundo laboral ata a xubilación.

Tras a pausa-café, a xornada continuará ás 12h cun relatorio sobre a reforma das pensións, a cargo de Natividad López Gromaz (CIG). Ás 13 horas, X. Alberte Cea (UGT) falará sobre o novo mercado laboral.

A sesión de tarde comezará ás 16h cunha mesa reonda enfocada nos aspectos culturais para conseguir a igualdade. Intervirán Carolina Iglesias Vázquez, psicóloga e axente de igualdade (CCOO), Esther Mariño Costasles, técnica de igualdade (CIG), e Laura López Atrio, profesora (UGT). A última parte da xornada será unha representación teatral a partir das 17h.

A xornada do venres 11 comezará ás 9:30 cun relatorio sobre a invisibilidade das mulleres con algún tipo de discapacidade. A relatora será Mª del Carmen González Lloves, axente para o Desenvolvemento da Comunidade Xorda, e moderará Olga García Álvarez , responsable da Comisión de Mulleres Xordas de Vigo.

Ás 10:30 está prevista unha mesa redonda sobre a visibilidade dos distintos tipos de violencia contra as mulleres. Participarán Carmen Clavería Prada, profesora de Pedagoxía e psicóloga, e Rosa Fontaíña Pazos, coordinadora de Rede de Mulleres cContra os Malos Tratos.

Tras a pausa-café haberá un debate, previsto para as 12:30, e as xornadas pecharanse ás 13h coa presentación das conclusións.

No hay comentarios:

Publicar un comentario