Fecoht Informa

Fecoht Informa

20 diciembre 2012

Miles de Gallegos en las calles con la Alianza Social Galega

Miles de persoas súmanse á convocatoria da Alianza Social Galega para manifestar a súa oposición ás últimas medidas do Goberno


Miles de persoas mobilizáronse este xoves en distintas localidades do país atendendo á convocatoria da Alianza Social Galega, da que forman parte UGT, CCOO e CIG, xunto con sesenta organizacións máis. Nas distintas concentracións expresouse, de forma unánime, a oposición ás políticas do Goberno do PP, nomeadamente á decisión do Executivo de non revalorizar as pensións; aos recortes na sanidade e no ensino públicos; á contrarreforma ideolóxica que representa a LOMCE e á Lei de taxas xudiciais, entre outras. Alén diso, esixiron reformar a normativa hipotecaria para pór fin ao drama dos desafiuzamentos e lograr a dación en pagamento.
Ao remate dos actos deuse lectura a un manifesto conxunto no que se denuncian as últimas medidas que vén de adoptar o Goberno de Mariano Rajoy. Respecto da decisión de non revalorizar as pensións, A Alianza Social Galega asegura que alén de incumprir a Lei Xeral da Seguridade Social, é unha medida “inxusta”cun dos colectivos máis vulnerables, o dos pensionistas, que se enmarca “na continuada política de axustes que está a intensificar os negativos efectos da crise, deprimindo a demanda interna e repercutindo intensamente na actividade económica e o emprego”. Segundo os cálculos da Alianza, esta decisión implica que unha pensión media en Galicia, de 700 euros, se reduciu en 260 euros o ano pasado, aos que hai que sumar os 260 que perderá este ano.

Xunto a isto, denunciáronse os retrocesos nos servizos públicos de ensino e sanidade, que se materalizan nunha política de destrución do sistema educativo público, na que se avanza aínda máis coa nova reforma educativa (LOMCE). Reforma que a Alianza cualifica de “ideolóxica”porque supón “un retroceso na xestión democrática dos centros, impón reválidas para conseguir o título de ESO e Bacharelato, desbota a educación en valores e amosa un desprezo total polo galego e pola conformación plurinacional, plurilingüística e pluricultural do Estado”, alén de considerar que “combate os principios de comprensión, equidade e calidade, mentres potencia á privada concertada”.

Respecto á sanidade pública, o manifesto recolle a oposición das organizacións e colectivos integrados na Alianza á política de privatización de hospitais, o abandono dos novos centros de saúde e o desmantelamento das áreas sanitarias, en función dun modelo “privatizador enfocado ao beneficio económico empresarial, que deteriora a calidade da atención, dá cabo do dereito á asistencia universal e equitativa e conduce a unha sanidade de ricos e pobres”.
 
Canto ás reformas no sistema xudicial, saliéntase o recorte do acceso ao servizo público da xustiza que supón a Lei de Taxas Xudiciais. “Un claro retroceso do Estado de dereito ao limitar gravemente para amplos colectivos sociais, e en moitos casos deixalos fóra, as posibilidades reais de accederen á xustiza”.
Do mesmo xeito, denunciouse que son máis de nove mil as familias desafiuzadas en Galicia desde que comezou a crise.“Familias e persoas condenadas á exclusión social polos abusos das entidades financeiras e por un Goberno cómplice”. Unha situación que a Alianza Social Galega considera que só pode mudar cunha modificación da Lei hipotecaria e da Lei de axuizamento civil para “regular a dación en pagamento retroactiva, paralizar os desafiuzamentos e promover o alugamento social”.
Reclamáronse ademais solucións para as arredor de setenta mil persoas afectadas en Galiza pola estafa das preferentes e subordinadas. A este respecto recóllese no manifesto que resulta“inadmisible que nun Estado que se declara social de dereito rescaten á banca e deixen ao pairo as persoas, os mesmos que urdiron a trama e perpetraron o maior desfalco da historia do noso país en beneficio dos especuladores e incompetentes”. Por iso, a Alianza Social Galega demanda protección do aforro popular a través da creación dunha banca pública galega orientada ao desenvolvemento do tecido económico de maneira racional e sostible, que cumpra cos obxectivos sociais que nunca deberon abandonar as caixas de aforro de Galicia.
INTEGRANTES: A Mesa pola Normalización Lingüística; ACSUR Galicia; Asemblea de Cooperación pola Paz; Asociación Fuco Buxán; Asociación Galega de Historiadores; Asociación Galega de Mariscadoras/es; Asociación Monte Pindo Parque Natural; Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA); Asociación Sociocultural Namentras; Asociación Sociopedagóxica Galega; Confederación Intersindical Galega (CIG); COGAVE; Colectivo Encontro Benestar Social; Colexio de Educadores/as Sociais de Galicia; Comisión pola recuperación da memoria histórica da Coruña; Comités Abertos de Facultade; CONFAPA Galicia; Confraría Pescadores Poboa do Caramiñal; Coordinadora Galega de ONG; Escola Viva; Fed. ANPAS Compostela; Federación de Asociacións Culturais Galiza Cultura; Federación de Asociacións de Mulleres Rurais; Federación de Profesionais e Autónomos/as de Galicia; Federación Galega do Medio Ambiente; Federación Galega de Bandas de Música Populares; Federación Provincial APAS Lugo; Federación Rural Galega; Fundación 10 de Marzo; Fundación Castelao; Fundación Defensa dos Consumidores; Fundación Estudo e Divulgación da Cuestión Social e Sindical na Galiza; Fundación Galiza Sempre; Fundación Luís Tilve; Fundación Paz e Solidariedade; Iniciativa Estudantil Galega; Iniciativa Galega Pola Memoria; Instituto de Cooperación ao Desenvolvemento de Galicia ISCOD; Instituto Galego da Historia; Liga Estudantil Galega; Mesa Galega de Educación no Rural; Movemento polos Dereitos Civís; Nova Escola Galega; Plataforma en Defensa do Ensino Público; Plataforma en Defensa do Sistema Público Galego de Servizos Sociais; Plataforma Galega Defensa do Ensino Público; Plataforma polo Emprego; Plataforma Queremos Galego; S. N. de CCOO de Galicia; Seminario Galego de Educación para a Paz; Sindicato de Estudantes; Sindicato de Xornalistas; Sindicato Labrego Galego; Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino de Galiza; SOS Sanidade Pública; UGT-Galicia; Unión de Autónomos de Transporte por Carretera y Mar; Unión de Profesionais e Traballadores Autónomos; Unións Agrarias; USTG; Xustiza e Sociedade

No hay comentarios:

Publicar un comentario