Fecoht Informa

Fecoht Informa

03 julio 2012

Sentencia Carlos Bua

Sánchez Aguión: «Pretenden encarcerar os que loitan polo emprego digno e con dereitos»


CC OO lamenta a sentenza que condena un membro do sindicato por participar nun piquete informativo e anuncia que vai recorrer a resolución xudicial
3-7-2012.- O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia (CC OO) denunciou esta mañá a sentenza que condena a tres anos e un día de prisión o secretario comarcal de FECOHT-CC OO en Pontevedra, Carlos Búa. Os feitos xulgados, supostamente tiveron lugar o 27 de novembro de 2009, no transcurso da folga do comercio de alimentación na provincia. CC OO vai recorrer a resolución xudicial.

Na comparecencia perante os medios de comunicación estiveron o secretario xeral do Sindicato Nacional de CC OO de Galicia, Xosé Manuel Sánchez Aguión, o secretario xeral estatal de FECOHT-CC OO, Javier González, a secretaria xeral de FECOHT-CC OO de Galicia, Isabel Castaño, o secretario de Comunicación da Unión Comarcal de CC OO de Pontevedra, Eusebio Justo, e o propio Carlos Búa.

O secretario xeral de CC OO explicou que a sentenza ratifica as teses da Fiscalía e condena a Búa a tres anos e un día de prisión, multa de 1.805 € e pagamento dun terzo das custas xudiciais. Outros dous sindicalistas foron xulgados e condenados en idénticos termos. Segundo o relato do ministerio público, o responsable comarcal de FECOHT-CC OO en Pontevedra e outros dous acusados entraron nun establecemento para requirir o seu peche e desaloxo por parte das traballadoras, advertindo de que chegarían máis persoas no caso de non o faceren. Posteriormente, entrou un segundo grupo de persoas, cuxa actuación estaría coordinada coa dos acusados, afirman tanto a fiscalía como a sentenza, que lles imputan un delito «contra os dereitos dos traballadores».

O secretario xeral de CC OO de Galicia negou que ese segundo grupo tivera algo que ver co piquete informativo do que formaban parte os acusados. «Era un piquete diferente que non tiña nada que ver con nós», insistiu Aguión, quen criticou varias «eivas» da sentenza. A primeira, que se emitiu o mesmo día do xuízo —o pasado 26 de xuño—, algo «sorprendente, tendo en conta o considerable atraso dos nosos tribunais». Outra, a pretensión de desacreditar as testemuñas favorables aos acusados, incluíndo unha traballadora do citado establecemento. Por último, a «desproporción» da pena imposta.

Para Sánchez Aguión, este tipo de sentenzas só procuran unha cousa: «coartar dereitos e amedrentar». O secretario xeral de CC OO situouna na mesma liña que a recente sentenza condenatoria ao secretario comarcal de Industria en Vigo, Ramón Sarmiento, pola súa implicación na pasada folga do metal. O dirixente sindical considerou que forman parte da mesma estratexia as «numerosas e cuantiosas» multas que aínda hoxe están a recibir persoas que participaron na folga xeral do 29 de marzo. Aguión manifestou a súa «preocupación» pola situación, especialmente na provincia de Pontevedra, e criticou o papel desempeñado tanto pola Subdelegación do Goberno como pola policía, «cuxas identificacións e posteriores denuncias son as que posibilitan xuízos con este tipo de sentenzas».

O responsable estatal de FECOHT-CC OO, que tamén interveu na conferencia de prensa, afirmou que se trata da sentenza «máis absurda» que viu nunca, e denunciou unha dobre vara de medir, xa que «aínda non vimos que fosen axuizados os empresarios que ameazan e coaccionan, vulnerando así dereitos laborais e sindicais». Por isto, e pola «desproporción das penas», afirmou que o caso debe ser desestimado. Pola súa parte, Carlos Búa reivindicou o papel de CC OO. «Seguirei defender os dereitos das traballadoras e dos traballadores, porque é a obriga da miña organización, e este papel é aínda máis necesario na situación actual».

Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2012

No hay comentarios:

Publicar un comentario