Fecoht Informa

Fecoht Informa

24 julio 2012

25 Julio Dia de la Patria Gallega

Declaración do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia e UGT-Galicia con motivo da celebración do Día da Patria Galega de 2012
Por desgraza, o Día da Patria Galega de 2012 vén marcado, un ano máis, pola crise económica. O Goberno español, actualmente do PP, demostrou a súa total incapacidade de responder adecuadamente ás dificultades económicas polas que atravesamos. O único que soubo facer foi impoñer a súa incontestable maioría absoluta para gobernar a golpe de decreto e promulgar medidas que fan que o custo da crise recaia sobre os segmentos de poboación máis débiles.
As medidas aprobadas ata o momento, e especialmente as anunciadas o pasado día 13 de xullo, prexudican as persoas en paro, cuxas prestacións se recortan xusto cando máis as necesitan, incrementan as retencións dos autónomos e das autónomas, reducen máis aínda o poder adquisitivo dos traballadores e traballadoras do sector público, e directa ou indirectamente repercuten de xeito negativo a colectivos como pensionistas, mocidade e persoas dependentes. Ademais, outras medidas, como a suba do ive, afectan a toda a cidadanía, pero moi especialmente ás rendas máis baixas.

Estas medidas pretenden ser unha mensaxe aos mercados, pero estes xa teñen demostrado a súa insaciabilidade: non hai reforma que lles sirva, e ao pouco de anunciar Rajoy as medidas xa se disparou a prima de risco do Estado español, superando con fartura os máximos históricos.

O Goberno deixou claro unha e outra vez que non pensa dialogar, entendendo a súa maioría absoluta como unha sorte de carta branca que lle permite impor medidas sen ningún tipo de negociación. Esquecen, porén, que a autorización cidadá que lles permitiu gobernar se baseaba nun programa electoral moi diferente deste que están a aplicar. Isto, como mínimo, é unha fraude á democracia. Pode ser legal, pero resulta indecente.

Diante disto, o sindicalismo de clase do que forman parte UGT e CC OO afirman que hai alternativas, hai outro xeito de se enfrontar a crise. Esta vía pasa por facer que pague máis que máis ten, e non ao revés. Pasa por unha reforma fiscal que incremente os ingresos do Estado, sen amnistías para os que defraudan, e por unha reforma financeira que permita o fluxo de crédito para as empresas e as familias.

Para CCOO e UGT, a saída da crise só será posible con medidas orientadas a que esta sexa xusta e equitativa. Son necesarias políticas que garantan unha repartición máis equilibrada dos custos da crise, que non deixen as solucións nas mans de quen a provocou. Para iso cómpre forzar un cambio na orientación das políticas europeas, como estableceu o recente congreso da Confederación Europea de Sindicatos.

Reclamamos unha reforma fiscal que garanta os ingresos necesarios a través dunha recadación máis proporcionada e mellor repartida, co fin de paliar as cargas que supoñen as políticas de redución do déficit entre os sectores máis débiles da poboación. Proceder a unha reforma do sistema financeiro que, á vez que vele pola solvencia das entidades, poña límites ás operacións especulativas e garanta que o crédito chegue ás familias, autónomos e pequenas empresas, de xeito que sirva para activar o consumo e o investimento. Urxe acometer un verdadeiro cambio de modelo produtivo para que o país recupere a senda do crecemento sobre bases distintas das que nos levaron a esta situación.

Recentralización

A crise está a ser instrumentalizada para aplicar uns recortes de dereitos laborais e sociais que nos retrotraen a épocas felizmente superadas. Ademais do xa exposto, existe tamén o perigo de utilizar o contexto socioeconómico como escusa para centralizar competencias e destruír o noso modelo social. E para iso é necesario, hoxe máis ca nunca, defender os elementos constitutivos do noso estado do benestar.

En UGT e CCOO temos claro que o proxecto nacional galego depende do desenvolvemento de todas as capacidades necesarias para alcanzar unha sociedade xusta. A autonomía de que goza Galicia debe utilizarse para contrarrestar os desmandos de Rajoy. A Xunta non pode ser unha mera correa de transmisión das directrices que emanan da sede estatal do PP e acaban validando as Cortes, non.

Se algo quedou demostrado en máis de tres décadas de democracia é que a descentralización política foi, é e será a mellor vía para lograr unha xusta distribución da riqueza e, en definitiva, mellorar as cotas de benestar da cidadanía galega.

Por este motivo, fronte ao ataque e desmantelamento dos servizos públicos, fronte ás pretensións de recentralizar competencias para aniquilar o modelo social, fonte á desregulación das condicións de traballo, o Sindicato Nacional de CCOO de Galicia e UGT-Galicia apostan firme e decididamente polos elementos constitutivos do noso estado do benestar; unha aposta por manter e ampliar os servizos públicos de calidade como factor de cohesión social e fonte de emprego, e unha aposta pola negociación colectiva como a mellor vía de saída da crise mediante a creación de emprego digno e con dereitos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario