Os sindicatos reclaman un pacto de Estado para saír da crise que garanta un sistema público de pensións forte e sostible
Máis de 1200 delegados e delegadas de UGT e CC OO concentráronse esta mañá diante das sedes do Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) en varias cidades e vilas galegas para expresaren o seu rexeitamento á proposta de atrasar a idade de xubilación aos 67 anos. Concretamente, os secretarios xerais de ambos os sindicatos en Galicia participaron na concentración de Lugo.
No actual contexto de crise, CC OO e UGT consideran imprescindible un pacto global das forzas sociais e políticas para facer fronte aos retos que ten a economía española, con dous asuntos urxentes para tratar: as pensións e a negociación colectiva.A intención do Goberno central de vincular o futuro do sistema público de pensións á saída da crise supón un erro de vulto porque precipita e improvisa un debate e unhas solucións, non á calor dos verdadeiros retos que teñen as pensións públicas, senón respondendo á chantaxe dos mercados financeiros.
Os sindicatos son os máis interesados en preservar a viabilidade futura do sistema público de pensións. Por iso, tanto UGT como CC OO están dispostos a buscar alternativas e propostas que non pasen por reducir ou eliminar dereitos. Con este fin, insístese en que, fronte á obsesión do Executivo de actuar única e exclusivamente sobre o gasto das pensións, recortando substancialmente as prestacións, é necesario avanzar en tres escenarios que axudarán a racionalizar o debate sobre as pensións e a garantir a súa viabilidade futura.
Esixen desvincular a reforma do sistema público de pensións da orixe e desenvolvemento da crise financeira e económica; reclaman unha reforma equilibrada que preserve as características básicas do sistema, de repartición, contributivo, redistributivo entre territorios e niveis de renda e, fundamentalmente, solidario; avogan por incrementar os ingresos aumentando as bases de cotización máximas e mínimas, vinculadas ao crecemento do SMI, incrementando as achegas públicas ao sistema e mellorando as bases de cotización nos réximes especiais, e reclaman mellorar as pensións, o que implica actuar sobre o mercado de traballo e a creación de emprego, de mellor calidade, con maior taxa de actividade feminina e menor taxa de desemprego xuvenil.Dende CC OO e UGT reitérase que ambos os sindicatos están dispostos a buscar alternativas e propostas que non pasen por un recorte inxustificado de dereitos.
Non o facer implicaría o risco de debilitamento, de insuficiencia da protección social e camiñar cara a un sistema con maior peso dos sistemas de capitalización individual.As concentracións tiveron lugar fronte ás sedes do INSS na Coruña, Ferrol, Santiago, Lugo, Monforte de Lemos, Celeiro (Viveiro), Ourense, Vigo e Vilagarcía de Arousa.
No hay comentarios:
Publicar un comentario