Fecoht Informa
01 mayo 2011
25.000 persoas participaron con UGT e CCOO nos actos do Primeiro de Maio baixo o lema «Emprego con dereitos, contra os recortes sociais»
25.000 persoas participaron hoxe nas mobilizacións do Primeiro de Maio que organizaron o Sindicato Nacional de CCOO e UGT-Galicia, baixo o lema «Emprego con dereitos, contra os recortes sociais». A manifestación central tivo lugar en Vigo, cidade na que 15.000 persoas participaron no acto principal do Día Internacional do Traballo. As principais reivindicacións foron en prol do emprego con dereitos, a defensa do modelo social europeo, por unha reforma fiscal progresiva e redistributiva, pola reforma do sistema financeiro e pola solidariedade con todos os pobos do mundo.
UGT e CCOO rexeitaron as políticas económicas e sociais que están a adoptar os gobernos da UE, en concreto o chamado Pacto polo Euro e o Plan de Gobernanza. Lamentaron a aposta comunitaria polos axustes orzamentarios e a presión á baixa dos salarios no canto de adoptaren medidas para impulsar o crecemento económico e, polo tanto, do emprego. Nesta liña, reivindicaron un Goberno da UE capaz de dirixir a economía desde a política, que impulse políticas de investimento e promova a creación de emprego, amais de reforzar o modelo social, xa que «gobernar Europa é reforzar o modelo social», insistiron os máximos responsables dos dous sindicatos en Galicia.
Canto á situación en España, reclamaron que o principal obxectivo das políticas do Goberno sexa crear emprego, pois o paro non deixa de aumentar e a reforma laboral revelouse «inútil» para combater os problemas do mercado de traballo. CCOO e UGT denunciaron o único que conseguiu foi facilitar e abaratar o despedimento. Nesta liña, os secretarios xerais das dúas organizacións fixeron unha firme defensa da iniciativa lexislativa popular (ilp) que promoveron no ámbito estatal para tentar reverter os aspectos máis lesivos da reforma laboral.Desde UGT e CCOO tamén defenderon o Acordo Social e Económico asinado o pasado 2 de febreiro, pois «fortaleceu e fixo máis solvente o sistema público de protección social», amais de impulsar as políticas de emprego e formación e recuperar a axuda económica aos parados e paradas que deixen de percibila.
Tamén avanza sobre políticas industriais, enerxéticas, I+D+i, así como na recuperación do diálogo social nas Administracións públicas.Canto á reforma da negociación colectiva, actualmente estase en negociacións co fin de promover a súa mellor estrutura, vertebración e articulación e unha maior implicación dos sindicatos na xestión da flexibilidade interna. Unha reforma que permitiría aumentar a cobertura ao conxunto dos traballadores e traballadoras, fortalecer as relacións colectivas de traballo ante os intentos de individualización, protexer as condicións de traballo e desxudicializar a negociación dos convenios e acordos de empresa.
UGT e CCOO, ante os ataques aos salarios dos traballadores e traballadoras, defenderon o modelo salarial pactado nos sucesivos Acordos Interconfederais de Negociación Colectiva (ANC) e no vixente Acordo para o Emprego e a Negociación Colectiva (2010-2012), que garanten o poder adquisitivo dos salarios ante a evolución dos prezos e a repartición negociada da produtividade.Xa no relativo ao sistema financeiro, esixiron que este se poña ao servizo da sociedade e denunciaron a «grave responsabilidade» das institucións do sistema financeiro e dos organismos de control e regulación na xeración da crise económica.
Tamén rexeitaron a bancarización das caixas de aforro e reafirmaron a súa natureza xurídica de forma compatible cunha xestión profesional. Neste sentido, instaron a que todas as actuacións e axudas do Estado ao sistema financeiro español estean condicionadas a que este dote de liquidez as familias, os traballadores e traballadoras autónomos e as empresas.Finalmente, CCOO e UGT reclamaron que a saída da crise se traduza nun modelo de crecemento sustentable, sostido e duradeiro, baseado na formación, a innovación e a industria; con creación de emprego estable e con dereitos; con protección ás persoas desempregadas; con igualdade entre mulleres e homes, entre persoas inmigrantes e autóctonas; con garantías na seguridade e saúde no traballo; cunhas condicións de vida dignas nas que as pensións, a educación, a sanidade ou a atención ás persoas dependentes sexan dereitos consolidados.
Axenda completaÁ parte da manifestación de Vigo, CCOO e UGT convocaron manifestacións conxuntas en toda Galicia —agás no caso de Pontevedra e Viveiro— e que resumimos no seguinte cadro.
CADRO DE MOBILIZACIÓNS DO 1.º DE MAIO DE 2011
Vigo ------ 15.000 persoas
A Coruña ----- 3.000 persoas
Ferrol ----- 2.000 persoas
Santiago de Compostela (concentración) ----- 800 persoas
Viveiro (só CCOO) ----- 100 persoas
Lugo ----- 1.000 persoas
Vilagarcía de Arousa ----- 700 persoas
Pontevedra (só CCOO) ---- 300 persoas
Ourense ---- 2.000 persoas
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario