DECLARACIÓN DAS COMISIÓNS EXECUTIVAS DO SINDICATO NACIONAL DE CC OODE GALICIA E A UNIÓN XERAL DE TRABALLADORES DE GALICIA
A lingua e a cultura son os valores máis representativos da identidade dun pobo. Os traballadores e traballadoras de Galicia somos depositarios deste patrimonio e asumimos a responsabilidade de coidalo, protexelo e difundilo, como manifestación de cidadanía responsable. Para o Sindicato Nacional de CC OO e a Unión Xeral de Traballadores de Galicia, a normalización completa e real da lingua é, polo tanto, unha demanda reiterada xunto co compromiso de fomentar e impulsar medidas que protexan, estimulen e favorezan o emprego do noso idioma en calquera eido da sociedade.
Partindo destes principios, desde hai máis de vinte anos desenvolvéronse políticas e accións co obxectivo de dotar o galego dun marco legal que recolla de forma axeitada os dereitos lingüísticos e culturais da nosa sociedade. Con todo, aínda coa aplicación desas medidas, non se obtiveron os froitos desexados en termos de normalización e uso, chegando mesmo a se constatar un retroceso preocupante, non só no grao de utilización, senón tamén canto á lexislación —como no caso do ensino— e a recursos públicos asignados.
UGT e CC OO consideramos que o dereito ao uso da lingua galega implica garantir que se acaden competencias plenas para o seu dominio durante as etapas do ensino obrigatorio, promover o seu uso cotián e nos ámbitos culturais e garantir o uso polos cidadáns e cidadás nos ámbitos administrativos e xudiciais. Por este motivo, insistimos no noso rexeitamento á instrumentalización do idioma por parte de calquera forza política, como aconteceu durante a campaña electoral das pasadas eleccións autonómicas e que desembocou na ruptura dos consensos coa imposición unilateral dun novo decreto sobre a presenza e uso das linguas cooficiais no sistema educativo.
O chamado «decreto do plurilingüismo» foi contestado en numerosas ocasións polas nosas federacións do ensino, e o propio Consello Escolar de Galicia, hai un ano, aprobou por rotunda maioría unha emenda na que reclamaba a devolución desta norma e a elaboración doutra baseada no consenso.
Lamentamos que os dereitos lingüísticos se utilicen no debate político como mero motivo de confrontación e apostamos por que, a curto andar, se recuperen os consensos políticos desexables, se deixen de propiciar enfrontamentos ficticios entre linguas e se concerten as medidas educativas, culturais e administrativas que garantan o pleno exercicio dos dereitos lingüísticos do pobo galego. Rexeitamos sen paliativos a irresponsabilidade da actual Xunta de Galicia, principal impulsora do enfrontamento por razóns lingüísticas, e singularmente o seu traslado ás aulas, así como o desprezo das competencias profesionais do profesorado, que corre serio risco de ver menoscabada a súa autoridade nas aulas.
Non pode esquecerse que a lingua ha ser sempre canle de comunicación entre persoas e un elemento que propicie a concordia, a unión, a convivencia e a cohesión social. Nunca debe utilizarse como instrumento de confrontación ou de fractura social. A potenciación do emprego do idioma, e, xa que logo, da nosa cultura, é un obxectivo reiterado e amplamente demandado polas nosas organizacións sindicais de UGT e CC OO, e entendemos que este compromiso ten que estar por riba de calquera diferenza. Tal pensamento é o que vimos defendendo dende UGT e CC OO e tanto no mundo do traballo como en todos os eidos da sociedade.
Regreso ao consenso
CCOO e UGT instamos a cidadanía a exercer libremente os seus dereitos lingüísticos, a lles esixir ás administracións o cumprimento das obrigas que en materia de lingua se consagran no Estatuto e na Constitución, a propiciar a promoción da lingua e da cultura galegas e a exercitar con orgullo a súa condición de cidadáns e cidadás libres. Reclamamos o regreso ao consenso, plasmado na Lei de normalización lingüística e no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega.
Dende UGT e CC OO, co gallo da celebración do 17 de Maio, animamos a cidadanía galega a que continúe defendendo e espallando o gran valor que representa a lingua, e que así é entendido pola inmensa maioría da poboación, como un patrimonio que nos axuda a comprender o mundo e que é parte importante da nosa vida, unha vida pola que as organizacións sindicais seguimos a loitar, para que sexa máis xusta e solidaria.
No hay comentarios:
Publicar un comentario