CCOO chama á mobilización no sector do comercio vario coruñés e esíxelle á patronal que retome as negociacións
Os sindicatos esíxenlle á patronal que retome as negociacións do convenio colectivo, que deixou de ter efecto pola fin do período de ultraactividade
Comisións Obreiras (CCOO), UGT e CIG convocan novas mobilizacións no sector do comercio vario da provincia da Coruña para forzar a patronal a retomar as negociacións do convenio colectivo, que deixou de ter efecto pola fin do período de ultraactividade.
Protesta en Santiago de Compostela na pasada folga do sector
Como consecuencia disto, a norma de referencia agora é o Estatuto dos Traballadores, o que implicará unha notable mingua en dereitos e poder adquisitivo, denuncian os sindicatos.
Daquela, o comercio vario, que xa foi á folga o pasado 1 de xullo, ten un novo calendario de mobilizacións. Comezarán o día 18 de xullo, ás 12:30, cunha protesta no centro comercial Odeón, en Narón. A seguinte acción terá lugar o día 24, ás 12:30, no centro comercial As Cancelas, en Santiago de Compostela. Xa a terceira está convocada para o 2 de agosto, tamén ás 12:30, no centro comercial Marineda City, na Coruña.
Retroceso de corenta anos
O comercio vario agrupa o de téxtil, calzado, ópticas, multiprezos, material eléctrico e construción. Desde CCOO denuncian que a patronal deixou caducar o convenio de xeito «deliberado» para facer que as condicións laborais «retrocedan case corenta anos».
Para Comisións, a actitude das empresas «non ten xustificación», xa que moitas delas están «nunha boa situación económica». Por ese motivo, o sindicato repróchalles que «intenten aproveitar a conxuntura da crise para aumentar beneficios á custa de recortar dereitos laborais».
No hay comentarios:
Publicar un comentario