Fecoht Informa

Fecoht Informa

02 julio 2013

Datos Paro Junio 2013 Galicia

Economía | Laboral
O aumento dun 7,21 % da contratación eventual e a saída do mercado laboral fan baixar o paro por terceiro mes consecutivo
CC OO insta a Xunta a actuar, pois o noso país perdeu nun ano case 30.000 persoas afiliadas á seguridade social

2-7-2013.- A secretaria de Emprego de CC OO, Maica Bouza, considera «positivo» o descenso do paro por terceiro mes consecutivo, pero matiza que, con respecto ao mesmo mes do ano anterior, Galicia ten 4.231 persoas desempregadas máis e 29.547 persoas menos afiliadas á seguridade social.
Os datos do paro rexistrado de xuño indican que hai 10.452 parados e paradas menos ca o mes anterior, o que supón un descenso do 3,68 % (a media estatal é do 2,60 %). A afiliación á seguridade social subiu a menor ritmo, só un 0,53 %, o que equivale a 4.843 afiliados e afiliadas máis ca o mes anterior. Daquela, no mes de xuño había 273.434 persoas paradas (139.724 mulleres e 133.710 homes). Os parados e paradas menores de 25 anos son 17.719 e representan o 6,48 % do total. En comparación co mes de maio, o paro baixou un 3,49 % nos homes e un 3,86 % nas mulleres (4.835 parados menos fronte a 5.617 paradas menos). Entre os menores de 25 anos, o paro baixou un 9,92 % (1.951 persoas menos) e nos maiores desa idade fíxoo un 3,22 % (8.501 persoas menos).
Análise por sectores e interanual
En Galicia, o paro baixou en todos os sectores de actividade. O maior descenso dáse nos servizos (7.223 parados e paradas menos, un 4,33 % de descenso), seguidos da agricultura (320 persoas paradas menos, un 3,41 %), o colectivo sen emprego anterior (726 menos, o que equivale a un descenso do 3,12 %). Na industria hai 902 persoas menos en paro (un 2,28 % de descenso) e na construción baixa en 1.281 persoas (un 2,87 % de descenso).
En comparación cos datos de xuño de 2012, o desemprego incrementouse nas ramas da agricultura (1.426 persoas, o 18,69 %) e os servizos (11.078 persoas, o 7,45 %), mentres que baixa nas restantes.
Con respecto a xuño de 2012, o paro suma en Galicia 4.231 persoas máis, un 1,57 % (a media do Estado foi do 3,22 %). Por sexos, hai 2.309 mulleres máis en paro e 1.922 homes máis, aumentos do 1,68 % e o 1,46 %, respectivamente. Entre as mozas e mozos menores de 25 anos, o desemprego baixou un 18,07 % con relación ao ano pasado; nos maiores de 25 anos, o aumento foi do 3,29 %.
Análise da contratación
Durante o mes de xuño asináronse en Galicia 59.745 contratos (3.444 máis ca o mes pasado), o que supón un incremento do 6,12 % (no Estado caeu nun 0,47 %). Do total de contratos asinados, os indefinidos só supoñen o 6,61 % (3.951). Con respecto a maio, a contratación temporal aumentou o 7,21 % pero a indefinida baixou na mesma porcentaxe (3.751 contratos temporais máis fronte a 307 indefinidos menos).
En termos interanuais, formalizáronse 6.530 contratos menos que en xuño de 2012, un 9,85 % de descenso. A contratación indefinida baixa o 57,82 % (5.416 contratos menos) e a temporal faino un 1,96 % (1.114 contratos menos).
Afiliación á seguridade social
En Galicia, a afiliación á seguridade social aumentou un 0,53 %, 4.843 afiliacións máis, co que o número total é de 917.016 afiliacións. No ámbito estatal a afiliación aumentou o 0,16 % (26.853 máis). No réxime xeral cotizan 4.104 persoas máis (un incremento do 0,61 %) e o réxime de autónomos gaña 603 afiliacións (un 0,28 %); no réxime especial do mar hai 135 persoas afiliadas máis, un incremento do 0,62 %.


En termos interanuais, Galicia rexistra unha baixada no número de cotizantes do 3,12 %, que en cifras absolutas son 29.547 afiliados e afiliadas menos (no Estado a caída é do 3,72 %). No réxime xeral (sen contar o réxime do fogar e mais o agrario), o descenso foi do 4,51 %, no agrario do 8,43 %, no do mar do 3,12 % e nos autónomos a baixada foi do 1,08 %. Pola contra, no réxime especial do fogar prodúcese un aumento do 19,72 %.
Valoración de CC OO
En opinión de Maica Bouza, o descenso do paro rexistrado pode significar tamén un abandono do mercado laboral, ben por desánimo, suspensión temporal do contrato de traballo ou por asistencia a cursos de formación. Precisamente, o paro rexistrado é, «como o seu nome indica, un rexistro», e, polo tanto, non implica por forza un incremento da ocupación da mesma magnitude. Como proba desta afirmación, Bouza alerta de que no último ano Galicia perdeu case 30.000 persoas afiliadas á seguridade social, polo que insta a Xunta a actuar.
Por outra parte, a caída do desemprego baseouse no incremento de máis de sete puntos da contratación temporal, tanto como descendeu a indefinida. Ao entender da responsable de Emprego de CC OO, este dato «pon en cuestión a consolidación dos empregos que se foron creando».
Á luz dos datos, Maica Bouza esíxelle á Xunta aprobar de «maneira urxente» as medidas necesarias para converter en estrutural o dato conxuntural de descenso do paro en xuño. Do contrario, Galicia «precisaría vinte e oito meses consecutivos de caída do paro para resolver o seu principal problema», que afecta a máis de 270.000 galegos e galegas.
Finalmente, Maica Bouza chama a atención sobre os efectos da persistencia da crise e do aumento do paro de longa duración: máis de cen mil persoas carecen xa de protección por desemprego. Por este motivo, esixe medidas que garantan a protección social, xunto con outras que estimulen a actividade, tales como unha reforma fiscal, incrementar o fluxo de crédito ou o apoio ao tecido produtivo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario