Declaración do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia e UGT-Galicia con motivo da celebración do Día da Patria Galega de 2013
A crise económica condiciona, un ano máis, o Día da Patria Galega de 2013. O Goberno de España, en mans do PP, porfía en demostrarnos que é incapaz de darlles resposta axeitada ás dificultades económicas polas que atravesamos. Para interpretar este lamentable papel, contan coa inestimable colaboración, como actores secundarios, dos dirixentes da Xunta de Galicia.
O Goberno da Xunta de Galicia, fiel escudeiro do Goberno de España e das políticas emanadas da Comisión Europea e do FMI, permanece impasible diante do desmantelamento de sectores estratéxicos da economía galega, practica o desleixo nas súas funcións mentres corre perigo o desenvolvemento de Galicia.
A industria, que debera ser o motor da recuperación económica, ten o nivel de emprego baixo mínimos. Neste ámbito, un sector fundamental como é o naval, está inmerso nunha crise severa que o sitúa á beira da desaparición, sexa por decisións das instancias europeas, sexa pola falta de carga de traballo. Canto a isto último, houbo moitas promesas de carga de traballo que só beneficiaron ao partido gobernante, que fixo uso electoral duns contratos coa petroleira Pemex dos que nunca máis soubemos.
O agro galego continúa ameazado coa pesada lousa dos baixos prezos que reciben polos seus produtos, por debaixo dos custes de produción. Se a isto sumamos a falta de relevo xeracional —por ausencia de políticas axeitadas por parte da Xunta—, o rural galego poderíase ver abocado á desaparición, unha circunstancia con efectos prexudiciais dunha dimensión difícil de calcular nos planos social, económico e medioambiental.
Os servizos públicos, máis necesarios se cabe en época de crise, padecen ano tras ano o maior recorte da historia, con menores recursos humanos e económicos. Ademais do impacto negativo sobre o emprego, o seu desmantelamento tamén se traduce nun empeoramento do benestar da cidadanía galega, especialmente, no caso dos colectivos con maiores dificultades. O PP deixou claro, unha e outra vez, que alí onde goberne vai utilizar a súa maioría absoluta a modo de carta branca para facer as políticas que lle dita a súa ideoloxía neoliberal e ultraconservadora, a mesma ideoloxía que leva á Xunta a recortar no ensino e na sanidade pública mentres financia o privado.
UGT e CCOO alertamos do avance imparable da pobreza en Galicia. Cunha afiliación á Seguridade Social inferior ao millón de persoas, unha taxa de paro desbocada, as pensións conxeladas e os salarios do sector público recortados e conxelados tamén, empeoraron as condicións de vida da maioría das familias deste país. Pero, por desgraza, a situación pode ir a peor: o pasado 8 de xullo finalizou o prazo legal máximo de vixencia dos convenios caducados que se estaban a negociar. Nos casos nos que non houbo acordo, a reforma laboral que aprobou o PP permítelles ás empresas acollérense ao seu convenio de sector e mesmo ao Estatuto dos Traballadores, coa consecuente diminución salarial. Esta ameaza sobrevoa a máis de 40.000 persoas na nosa terra.
Todo isto acontece porque o Goberno de Galicia, como o do Estado, é un Goberno que é débil cos fortes, pero forte cos débiles. Un Executivo que non se atreve a acometer dunha vez por todas unha reforma fiscal que acabe coa fraude. No noso país hai unha minoría que nos está a roubar á maioría mediante prácticas fraudulentas que burlan a lei, obscenas fortunas que non tributan o que deberían, impedindo deste xeito que haxa maiores recursos públicos para realizar políticas sociais e investimentos produtivos. Esta debilidade contrasta, por exemplo, coa dureza coa que a facenda estatal lles está a esixir a centos de emigrantes, persoas que axudaron a erguer este país, que tributen por unhas pensións que moitas veces son exiguas.
O sindicalismo confederal e de clase do que formamos parte CCOO e UGT esixímoslle aos gobernos de Galicia e do Estado que aparquen a súa ideoloxía e cumpran coa responsabilidade que lles outorgou a cidadanía: promover políticas para saírmos da crise. Isto só será posible con medidas xustas e equitativas, que garantan unha repartición máis equilibrada dos custos da crise, que non deixen as solucións nas mans de quen a provocou.
Ademais da reforma fiscal, necesaria para garantir recursos públicos mediante unha recadación máis proporcionada e mellor repartida, co fin de paliar as cargas que supoñen as políticas de redución do déficit entre os sectores máis débiles da poboación, cómpre unha reforma do sistema financeiro. Esta debe velar pola solvencia das entidades, pór límites ás operacións especulativas e garantir que o crédito chegue ás familias, autónomos e pequenas empresas, de xeito que sirva para activar o consumo e o investimento. Urxe acometer un verdadeiro cambio de modelo produtivo para que o país recupere a senda do crecemento sobre bases distintas das que nos levaron a esta situación.
Por este motivo, nunha data como o Día da Patria Galega, as nosas reivindicacións están presididas pola denuncia firme do ataque e desmantelamento dos servizos públicos, da desregulación das condicións de traballo, do retroceso no desenvolvemento de Galicia, en definitiva, a denuncia do empobrecemento progresivo da maioría social deste país. UGT-Galicia e o Sindicato Nacional de CCOO de Galicia apostamos decididamente polos elementos constitutivos do noso estado do benestar, unha aposta por manter e ampliar os servizos públicos de calidade como factor de cohesión social e fonte de emprego e unha aposta pola negociación colectiva como a mellor vía de saída da crise mediante a creación de emprego digno e con dereitos.

No hay comentarios:
Publicar un comentario