Fecoht Informa

Fecoht Informa

17 junio 2013

Asambleas Trabajadores/as Comercio Vario en A Coruña, Santiago y Ferrol, 19 Junio 22:30



   

A PATRONAL MOSTRA AS SÚAS VERDADEIRAS INTENCIÓNS: ELIMINACIÓN DOS NOSOS DEREITOS E EMPOBRECEMENTO

A menos dun mes para que o actual convenio perda a súa vixencia normativa, a patronal (ou máis ben parte dela porque hai asociacións empresariais que nin sequera se dignan acudir ás reunións de negociación) quitou a careta e puxo derriba da mesa o que pretende realmente para as traballadoras e traballadores do Comercio Vario da provincia da Coruña. Entre outras cousas:

·        Desaparición da cláusula que garante as condicións máis beneficiosas que existen en moitas empresas. Isto significa que cando lles conveña poderán absorber ou incluso eliminar calquera cantidade que se cobrase actualmente por riba de convenio: complementos persoais, conta convenio, comisións…

·        Supresión da paga extra de marzo nas empresas que aleguen non ter beneficios (non especificaron como se comprobaría isto: se terían en conta os ingresos que, indefectiblemente, vaia ben ou mal a empresa, sempre se embolsan os propietarios; se o cálculo se faría cos datos globais da empresa, cos resultados na provincia, no centro de traballo…).

·        Eliminación do complemento durante as baixas por enfermidade común ou accidente non laboral. É dicir, cando caésemos enfermos os nosos ingresos veríanse reducidos da seguinte maneira:

                       —os 3 primeiros días non se cobraría nada;

                       —do día 4 ao 20: o 60% do salario;

                       —do día 21 en adiante: o 75%.

·          En caso de baixa causada por accidente de traballo tamén nos queren castigar cunha perda de entre o 10 e o 15 por cento dos nosos salarios.

·          Interrupción do cobramento do plus de transporte cando non se traballe por calquera motivo (baixas, vacacións, permisos…) e diminución proporcional para os contratos a tempo parcial.

·          Ao entrar nunha nova empresa pretenden que permanezamos durante 3 anos cobrando un 10% por debaixo do que marque o convenio.

·          Desaparición de tódalas categorías, que quedarían refundidas en tres grupos profesionais dentro dos cales todo o mundo cobraría o mesmo e operaría a mobilidade funcional total. É dicir, que nos poden obrigar a desempeñar calquera función sen que iso se vexa reflectido no noso salario nin se consolide ningún dereito.

·          Diminución da porcentaxe obrigatoria de persoal indefinido. Noutras palabras, aumento da temporalidade.

·          Negativa a mellorar ningún dos permisos retribuídos que aparecen no convenio.

·          Destrución do sistema actual de calendarios anuais coa implantación de horarios mensuais e establecemento dun mínimo de xornada irregular anual do 15%, o que supón a creación dunha bolsa de 250 horas aproximadamente de distribución ao antollo do empresario.

·          Posibilidade de desprazamento obrigatorio até 50km (por ex.: A Coruña‑Narón).
 

Os empresarios do pequeno e mediano comercio queren saír da crise sacrificando os nosos dereitos e salarios. Mais cando nadaban na abundancia nunca se preocuparon de mellorar o convenio de maneira proporcional. Agora acórdanse de empeoralo. E, por outro lado, as grandes empresas inhíbense da negociación coa intención de que o convenio ben desapareza ben empeore as súas condicións de maneira esaxerada para poderen manobrar con facilidade e non verse obrigadas a conceder as condicións por riba de convenio que si se poden permitir. Cun convenio provincial depauperado como o que pretende endosarnos a patronal as grandes cadeas xa non terán que dar máis do que agora existe. Incluso poderán quitalo se lles peta.
 

AS TRABALLADORAS E OS TRABALLADORES DO COMERCIO DA PROVINCIA DA CORUÑA XA DEMOSTRAMOS NA NEGOCIACIÓN DO CONVENIO ANTERIOR QUE SABEMOS DEFENDER OS NOSOS DEREITOS. NON PODEMOS PERMITIR QUE PRECARICEN MÁIS AÍNDA AS CONDICIÓNS LABORAIS DO SECTOR E QUE NOS CONDENEN Á POBREZA.

 

ASEMBLEA XERAL DE TRABALLADORES DO COMERCIO
(na que se debaterán as posibles mobilizacións para evitar que nos arrebaten os nosos dereitos e os nosos salarios)

Coruña:         Edificio Sindicatos

Santiago:       Hotel Peregrino

Ferrol:            Edificio Sindicatos

 

Mércores, 19 de xuño
22:30 horas
O NOSO FUTURO ESTÁ EN XOGO. ACUDE!!!

No hay comentarios:

Publicar un comentario