Fecoht Informa

Fecoht Informa

11 junio 2013

16J en Galicia

CCOO e UGT mobilizaranse o día 16 contra o «austericidio» e en defensa da democracia
  • Haberá manifestacións na Coruña, Santiago de Compostela, Ourense, Pontevedra, Vilagarcía de Arousa e Vigo, así como concentracións en Ferrol e Burela
Os secretarios xerais de CCOO, Xosé Manuel Sánchez Aguión, e UGT, José Antonio Gómez, presentaron esta mañá as mobilizacións en defensa do emprego e da protección social que terán lugar o 16 deste mes. Nesa data haberá mobilizacións en toda Europa, convocadas pola Confederación Europea de Sindicatos (CES), organización da que forman parte os dous sindicatos.

Á esquerda, Xosé Manuel Sánchez Aguión, secretairo xeral de CCOO, acompañado do seu homólogo de UGTDespois de tres anos de políticas antidéficit e de fortes recortes sociais, Aguión e Gómez consideran que os resultados son «dramáticos» en Galicia e en España: 6,2 millóns de persoas en paro (máis de 290.000 en Galicia), dous millóns de fogares con todos os seus membros no desemprego (case 100.000 na comunidade autónoma galega), un aumento da pobreza ata o 27 % da poboación que empurra á exclusión social amplos sectores, e unha taxa de paro na mocidade de preto do 60 %. Sen esquecer a acusada deterioración dos servizos públicos e do estado de benestar, a eliminación de dereitos e a crecente desigualdade que estas políticas están xerando na sociedade española.

Segundo o secretario xeral de CCOO, a poboación máis desfavorecida é a que máis padece as consecuencias destas políticas, e alertou da «emerxencia social» que se produce por mor da «insostible» taxa de paro xuvenil e polo incremento do número de persoas que actualmente carecen de calquera tipo de prestación social ou fonte de ingresos.

En opinión de Sánchez Aguión, a situación agrávase polo «ataque constante e permanente» contra os servizos públicos, que son «máis necesarios, se cabe, en épocas de crise». Neste sentido, afirmou que a «política do austericidio» que se está a aplicar na zona euro pon en risco o modelo social europeo. «A Unión Europea non é só unha zona de libre cambio, senón tamén un modelo social, baseado no estado do benestar», apuntou.

O secretario xeral de CCOO considera ademais que a propia democracia «está en risco», xa que se atopa «sometida» ao poder financeiro e económico. «Precisamos recuperar a democracia como expresión dos intereses da maioría da poboación», sentenciou.

UGT e CCOO aseguran que é posible facer outras políticas, abandonando as «receitas fracasadas» da austeridade, e apostar por un cambio de modelo produtivo que non asente en baixos salarios e precariedade laboral, poñer o acento nos investimentos, adoptar unha fiscalidade gradual e redistributiva sobre os ingresos e a riqueza, e acabar cos recortes no gasto público, a protección social e os salarios, porque son inxustos, aumentan o desemprego, as desigualdades e a pobreza, e agravan a recesión.

Manifestacións

Así as cousas, CCOO e UGT convocan seis manifestacións e dúas concentracións en Galicia o día 16. A seguir indicamos os lugares e horas.

- A Coruña. Saída da praza da Palloza ás 12 h e remate na praza do Obelisco
- Ferrol. Concentración ás 12 h da praza do Inferniño
- Santiago de Compostela. Saída ás 12 h da Alameda e remate na praza das Praterías
- Burela. Concentración ás 12 h na praza da Mariña
- Ourense. Saída ás 12 h do pavillón dos Remedios e remate na Subdelegación do Goberno
- Pontevedra. Saída ás 11:30 da praza da Ferrería e remate na Subdelegación do Goberno
- Vilagarcía de Arousa. Saída ás 12 h da avenida da Mariña e remate na praza de Ravella
- Vigo. Saída ás 12 h do cruzamento da Vía Norte con Urzáiz e remate diante do edificio da Xunta

No hay comentarios:

Publicar un comentario