Fecoht Informa

Fecoht Informa

09 junio 2012

20 de Xuño: NON CALES !!!



20 de xuño: non cales!
Levan cinco meses e medio no Goberno e non paran de recortar dereitos. Guiado por Merkel e as institucións financeiras, o Goberno español puxo en marcha un descarnado programa de reformas coa única obsesión de conter o déficit e dar cabo de dereitos laborais, sociais e democráticos. Coidaron que coa súa soa presenza no Goberno tranquilizarían os poderes financeiros e restablecerían a confianza na nosa maltreita economía. Pero neste breve período o paro non parou de medrar, a economía permanece estancada e non se enxerga a saída da crise.



Europa vive unha grave crise económica e social con taxas dramáticas de desemprego: son xa 24 millóns as persoas que están en paro na Unión Europea, entre elas máis de cinco millóns de mozos e mozas. En España, o paro alcanza cifras dramáticas: máis de 5,5 millóns de persoas; en 1,7 millóns de fogares, ningún dos seus integrantes en condicións de traballar ten emprego.

Aínda por riba, o crecemento imparable do desemprego coincide cun ataque xeneralizado e sistemático aos dereitos laborais e sociais impulsado desde as institucións europeas, que está a ter consecuencias especialmente dolorosas nos países do sur e do leste de Europa: diminución de salarios e pensións, perda de dereitos, debilitación da negociación colectiva e da capacidade dos sindicatos para defenderen os traballadores e traballadoras, deterioración das prestacións e os servizos públicos, e ataque sen precedentes ao Estado de benestar.

Reformas e axustes contra as traballadores e traballadores
O pasado 10 de febreiro de 2012, o Goberno aprobou, sen negociación nin consulta cos interlocutores sociais, a reforma do mercado de traballo que xa se aplica nas empresas con todas as consecuencias. Unha reforma laboral que é o maior golpe ao dereito do traballo da democracia, porque abarata e facilita o despedimento, reforza o poder dos empresarios e consolida a precariedade do mercado de traballo. Ademais, fronte ao prometido polo Goberno, a reforma laboral non reduce as modalidades de contratación (pola contra, crea un novo contrato que poderán utilizar o 99% das empresas e que afectará ao 65% dos traballadores e traballadoras; un contrato precario de dubidosa constitucionalidade); introduce diferenzas nas posibilidades de emprego; dana gravemente a negociación colectiva (a Comisión de Emprego do Congreso endureceu aínda máis este capítulo ao pór fin á ultraactividade dos convenios unha vez transcorrido un ano da súa vixencia inicial), e facilita o despedimento nas Administracións públicas.

Doutra banda, os PXE-2012 van profundar na situación de recesión económica. Oficialmente, España entrou en recesión logo de rexistrar dous trimestres consecutivos de caída do pib. O Goberno estimou unha caída do 1,7% do pib en 2012, asociada a unha destrución de 650.000 empregos. Todo iso no marco de fortes axustes anunciados en RTVE e as televisións autonómicas, sanidade, educación, políticas sociais, as condicións impostas ás corporacións locais para financiar o pagamento a provedores, unha redución da presenza do sector público na economía e unha renuncia explícita ao investimento público e o emprego.

Fronte a iso, UGT e CCOO insistimos en que hai outra política para saír da crise; para minimizar a erosión económica e social que anticipa a conxunción dos efectos da recesión económica e a reforma laboral. Unha aposta polo crecemento e o investimento público, polo emprego de calidade e a sustentabilidade do modelo social. Unha proposta de reforma do sistema financeiro orientada a resolver o financiamento da economía española e a dar pulo á circulación do crédito, fronte ás medidas aprobadas polo Goberno que unicamente viñeron a completar o proceso de demolición do sistema de caixas de aforro.

Igualmente, España necesita unha actuación en materia fiscal máis coordinada e eficaz. Unha actuación que non pode pasar nunca pola aprobación dunha amnistía fiscal que supón un ataque ético moi grave á xustiza e equidade fiscal, e si por unha reforma para incrementar os recursos do Estado e facer fronte á fraude fiscal e á economía somerxida.

CCOO e UGT instamos unha e outra vez o Goberno a negociar un acordo pola reactivación económica, o emprego e a cohesión social. Un acordo que debería implicar as forzas políticas parlamentarias e as institucións do Estado. Ao noso xuízo, este sería o mellor camiño para restablecer a confianza e sentar as bases dunha saída máis xusta e equilibrada da crise. Pero o Executivo prefire entenderse con Merkel e a dereita europea para tentar satisfacer, sen o conseguir, os mercados e institucións financeiras. Segue instalado no conflito social, no ataque aos dereitos laborais e aos servizos públicos; na eliminación de dereitos civís e democráticos; na «criminalización» da resposta social e sindical.

O movemento sindical non vai parar. Seguiremos mobilizándonos na rúa contra estas políticas antes e despois do verán, e manteremos un diálogo constante e fluído coa sociedade civil e as forzas políticas para lles trasladar as nosas propostas; fortaleceremos as alianzas sociais en defensa dos servizos públicos e o Estado de benestar; promoveremos os maiores niveis de protección das persoas en situación de desemprego. POR ISO, O 20 DE XUÑO, CONVOCAMOS MANIFESTACIÓNS EN TODO O PAÍS PARA DENUNCIARMOS OS RECORTES SOCIAIS DO GOBERNO, PARA REXEITARMOS DE NOVO A REFORMA LABORAL E PARA ENFRONTARMOS A CRISE CON OUTRA POLÍTICA ECONÓMICA E SOCIAL.

No hay comentarios:

Publicar un comentario