Fecoht Informa

Fecoht Informa

03 junio 2011

A ruptura do diálogo sobre a negociación colectiva debeuse á «falta de responsabilidade» dunha parte da patronal






Para Comisións Obreiras (CCOO), a ruptura do diálogo sobre a reforma da negociación colectiva debeuse á «falta de responsabilidade» dunha parte «moi importante» da patronal. Para o secretario xeral de CCOO en Galicia,



Xosé Manuel Sánchez Aguión, o sector «máis reaccionario» da CEOE pretende «sacar vantaxe e tallada» da crise económica para recortar e precarizar «aínda máis» as condicións laborais dos traballadores e das traballadoras.





Na súa opinión, hai un segmento da patronal estatal que mesmo «vería con bos ollos» un hipotético rescate a España similar ao de Portugal, porque así poderían impoñer as súas propostas. De feito, o último documento presentado pola CEOE «inspírase en boa medida nas condicións do rescate portugués», indicou Sánchez Aguión.O secretario xeral de CCOO de Galicia lamenta o cambio de posturas na CEOE, porque hai apenas uns días o acordo estaba «practicamente asinado», era «positivo» e permitía ordenar un «instrumento fundamental» como é a negociación colectiva, básico para regular as condicións de vida e de traballo, adaptándoo ao contexto actual.




Contra a individualización


Logo da ruptura do acordo, Sánchez Aguión afirma que CCOO se oporá «contundentemente» a calquera intento de individualizar as condicións de traballo. Na súa opinión, o obxectivo fundamental do sector reaccionario da patronal persegue que o empresario poida contratar e establecer unilateralmente as condicións laborais con cada traballador ou traballadora. Así, poderíase dar o caso de que, nunha mesma empresa, dúas persoas que realizan o mesmo traballo teñan condicións laborais distintas.O secretario xeral de Comisións lembra que o convenio colectivo evita que aconteza isto, e regula as condicións de traballo no ámbito da empresa ou no de sector, así como os elementos de competencia das propias empresas. Deste xeito, os convenios colectivos evitan que nun mesmo ámbito sectorial haxa empresas que compitan con custos laborais inferiores aos das que si respectan as condicións de traballo pactadas. Para a súa idea, acabar con este marco implica establecer a regulación individual das relacións laborais «e debilita as posibilidades de ter unhas condicións dignas».



Defensa da ultraactividade


O cambio de posición da CEOE tamén ataca a ultraactividade dos convenios, o que contrasta coa defensa que dela fai CCOO. Grazas á ultraactividade, cando remata a vixencia dun convenio este mantén os seus efectos mentres non se negocie un novo. Acabar coa ultraactividade implicaría comezar de cero, «sendo de aplicación a lexislación básica vixente e mesmo o salario mínimo interprofesional», alerta Sánchez Aguión.


O dirixente sindical sinala que hai convenios que levan anos e anos negociándose e procurando un ámbito de relacións laborais compartido entre sindicatos e patronal, o que «permitiu regular e mellorar as condicións laborais».

No hay comentarios:

Publicar un comentario