Fecoht Informa

Fecoht Informa

25 noviembre 2013

Milleiros de persoas amosaron nas rúas de Galicia o seu rexeitamento ás políticas antisociais do PP

Milleiros de persoas amosaron nas rúas de Galicia o seu rexeitamento ás políticas antisociais do PP
  • CCOO e UGT instan o partido do Goberno a escoitar o clamor da cidadanía e a rectificar as súas medidas inxustas, ineficaces e inútiles




A Coruña —onde estiveron os secretarios xerais—, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Burela, Ourense, Pontevedra, Vilagarcía de Arousa e Vigo foron un clamor contra as receitas inxustas, ineficaces e inútiles que promove o partido do Goberno en Galicia e no Estado.

Estas mobilizacións formaron parte dunha convocatoria da Confederación Europea de Sindicatos (CES), xa que as políticas antisociais non son patrimonio exclusivo do Goberno de España. A CES rexeita as medidas que se aplicaron ata agora para combater a crise, xa que están a xerar máis paro, máis pobreza e máis desigualdade, e esixe un plan de investimentos europeo para propiciar un crecemento sostible e empregos de calidade.

UGT e CCOO afirman que, malia os cantos de serea sobre a incipiente recuperación económica e a pesar das proclamas de que as políticas de austeridade empezan a dar froitos, a cidadanía non percibe indicio ningún de mellora senón, ao contrario, o estancamento da situación.

Actualmente, máis de 270.000 galegos e galegas están no desemprego e, no resto do Estado, a cifra elévase a case seis millóns. O mercado laboral estase volvendo máis precario, coa substitución de emprego indefinido por temporal: só en Galicia, caeu máis dun 6 % a contratación indefinida.

Paralelamente continúa o desmantelando do estado de benestar mediante os recortes en sanidade, educación ou prestacións por desemprego. Todo isto fai que os efectos máis prexudiciais da crise se intensifiquen entre a poboación máis desfavorecida, particularmente os case 90.000 fogares galegos con todos os activos no paro e os máis de 31.000 nos que non entra ningún ingreso.

CCOO e UGT denuncian que o PP está a utilizar a crise económica para aplicar unha política neoliberal implacable que antepón o interese privado ao interese xeral e afonda nas desigualdades. Goberna España a golpe de decreto, refuxiándose nunha maioría absoluta lograda hai dous anos mediante promesas electorais que non tardou en incumprir.

Tanto os orzamentos xerais do Estado para 2014 como as contas públicas que pon enriba da mesa o Goberno da Xunta son máis do mesmo: máis recortes. Proximamente, a reforma da Administración local suporá a perda de postos de traballo e a eliminación de servizos públicos próximos á cidadanía. En Galicia, un territorio caracterizado pola dispersión poboacional, as consecuencias, se cabe, van ser aínda máis nefastas. Unha reforma que, unha vez máis, se fixo sen diálogo social, sen criterios de racionalidade, cunha clara intención privatizadora e que choca co propio sistema democrático.

Outro exemplo desta política contra os dereitos laborais e sociais é a reforma de pensións, que o Goberno de Rajoy quere impoñer de maneira unilateral e que supón un novo incumprimento electoral. Esta reforma mingua o poder adquisitivo dos pensionistas presentes e futuros e topa co rexeitamento unánime de todos os grupos parlamentarios e dos interlocutores sociais. Na nosa comunidade autónoma, o lastre desta reforma vai ser moito maior, xa que contamos coas contías medias máis baixas de todo o Estado.

Por todo isto, UGT e CCOO afirman que ante esta situación non cabe a resignación nin asumir que só hai un xeito de saír da crise: é posible unha saída social, xusta, equitativa e sen perda de dereitos.

Baixo o lema «Emprega a túa forza: defendamos o público, defendamos as pensións, defendamos as persoas», milleiros de persoas manifestáronse hoxe en toda Galicia xunto a CCOO e UGT para amosaren o seu rexeitamento ás políticas antisociais que aplica o PP alí onde goberna.

No hay comentarios:

Publicar un comentario