Fecoht Informa

Fecoht Informa

25 noviembre 2013

CCOO e UGT manifestan a súa repulsa de todo tipo de violencia contra as mulleres, froito da desigualdade, situación que se agudiza na actual conxuntura de crise

CCOO e UGT manifestan a súa repulsa de todo tipo de violencia contra as mulleres, froito da desigualdade, situación que se agudiza na actual conxuntura de crise
  • 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres
  • Ambos os sindicatos denuncian o paso atrás que van supoñer nesta loita a lei Wert, coa supresión de educación para a cidadanía, a reforma da Administración local, que deixará máis desprotexidas as vítimas, e as modificacións lexislativas anunciadas no eido da saúde sexual e da reprodución
Un ano máis, o 25 de novembro celébrase o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres neste país, xa con 44 mulleres asasinadas no que vai de ano a mans das súas parellas ou ex-parellas. É evidente que, por desgraza, esta lacra social continúa e hai que seguir loitando para erradicala.
 
Primeiro, tanto o Sindicato Nacional de CCOO de Galicia como UGT-Galicia amosan a súa repulsa de todo tipo de violencia machista, xa sexa a exercida física, psicolóxica, sexual ou economicamente, consecuencia da desigualdade entre mulleres e homes e un grave atentado contra os dereitos fundamentais.
Corenta e catro mulleres asasinadas no que vai de ano a mans das súas parellas ou ex-parellas amosan a gravidade da situación, pero son só a punta do iceberg de toda a violencia soportada e, na maioría dos casos, nin sequera denunciada. É evidente que cómpre máis eficacia e compromiso por parte das administracións, institucións e da sociedade en xeral para a eliminación desta lacra. Unha lacra que non cesa e mesmo aumenta en parellas novas. A Fiscalía de menores alerta de que se incrementan as causas xudiciais por razón de violencia de xénero en adolescentes de entre 15 e 17 anos.

MÁIS DE 15.000 DENUNCIAS FORON RETIRADAS. A CRISE ESTÁ A EMPEORAR AS CONDICIÓNS PARA QUE AS VÍTIMAS ACUDAN Á XUSTIZA

Outro dato certamente alarmante é o que ofrece o Observatorio de Violencia de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial, onde se constata que en 2012 se produciron 128.592 denuncias, un catro por cento menos que o ano anterior, pero é que máis de 15.000, un 12,13 %, foron retiradas. Evidénciase que a crise está empeorando as condicións e poñendo trabas para que as vítimas de violencia machista acudan á xustiza.

UGT e CCOO consideran que a loita contra a violencia de xénero debe ser unha prioridade para as administracións e non se pode supeditar ás conxunturas económicas dun país. Hai que recuperar e incrementar os esforzos económicos para combater este grave problema social.

ALARMANTE INCREMENTO DA VIOLENCIA CONTRA AS MULLERES EN IDADES MÁIS TEMPERÁS

Ademais de non manter como unha prioridade na axenda política a loita contra a violencia contra as mulleres, o Goberno de Rajoy, a golpe de decretos e leis, está empeorando a situación. A lei Wert, sen ir máis lonxe, suprime a materia de educación para a cidadanía, o que supón un retroceso nos necesarios cambios de estereotipos sexistas e educación contra a violencia de xénero, xusto cando se rexistra un alarmante incremento da violencia contra as mulleres en idades máis temperás.

Coa reforma da Administración local, as vítimas quedarán aínda máis desprotexidas ao suprimir o artigo 28 da norma vixente e desaparecer as competencias municipais de igualdade e en contra do aprobado polo mesmo Goberno canto á necesaria colaboración con comunidades autónomas e corporacións locais para proporcionar asistencia social integral ás mulleres vítimas da violencia de xénero, así como aos seus fillos e fillas.

Como ambos os sindicatos consideran que a independencia económica é clave á hora de saír do abismo da violencia, reclaman o impulso e desenvolvemento do programa de acción específico de inserción sociolaboral das mulleres vítimas de violencia de xénero. E que as medidas destinadas a este fin non se limiten a subscribir ou renovar algúns acordos con grandes empresas para a súa contratación, tendo en conta que, ademais, estes contratos están bonificados. Aquí é onde debe ser esencial o traballo coordinado entre os interlocutores sociais e o Goberno para mellorar a actuación das empresas, tanto en materia de contratación como na vixilancia e control do respecto aos dereitos laborais das vítimas.

CCOO e UGT tamén consideran violencia contra as mulleres decidir sobre a súa saúde sexual e reprodutiva. Por iso, os dous sindicatos defenden a lei vixente nesta materia e no referido á interrupción voluntaria do embarazo e manifestan o seu rexeitamento ás modificacións normativas anunciadas polo ministro de Xustiza, que farían perder un dereito conseguido despois de moitos anos de loita.
Aínda que ambos os sindicatos valoran os esforzos e recursos postos en marcha a partir da Lei 1/2004 de medidas de protección integral contra a violencia de xénero e os logros acadados, consideran que urxe unha maior vontade e decisión política para coñecer e combater as causas que inciden na persistencia da violencia de xénero.

A NEGOCIACIÓN COLECTIVA, UN INSTRUMENTO IMPORTANTE NESTA LOITA

Por todo isto, UGT e CCOO demandan unha maior sensibilización sobre o problema e máis información ás vítimas; o aumento dos investimentos en materia de igualdade; a recuperación e reforzamento das accións contra a violencia de xénero no ámbito educativo; e mellorar a colaboración entre todas as administracións competentes, co fin tamén de coordinar a todo o colectivo de profesionais comprometido no tratamento das vítimas: persoal sanitario, dos servizos sociais, corpos de seguridade, xudicatura ou servizos de emprego.
Pola súa banda, ambos os sindicatos reafirman o seu compromiso para garantir, a través da negociación colectiva, a protección laboral das vítimas e sensibilizar os negociadores en materia de igualdade e contra esta lacra, co fin de previr e eliminar calquera forma de violencia, o acoso sexual ou o acoso por razón de sexo no eido laboral.

Haberá que incluír protocolos de actuación contra todas as formas de violencia contra as mulleres nos convenios colectivos e nos plans de igualdade, e tamén se aposta por colaborar coas distintas administracións na posta en marcha de medidas para previr, combater e eliminar a violencia contra as mulleres en calquera das súas manifestacións.

No hay comentarios:

Publicar un comentario