O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia lamenta o falecemento do compañeiro Melchor Roel Rivas
- Estivo vinculado ao sindicato desde moi novo e con só 24 anos era elixido membro da primeira Comisión Executiva Nacional, en 1978
O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia lamenta o pasamento do compañeiro Melchor Roel Rivas, falecido hoxe. O secretario xeral, Xosé Manuel Sánchez Aguión, destácao como «un loitador», tanto no eido político como no sindical. Salienta, ademais, que amosou desde moi novo un «compromiso social inquebrantable».
Melchor Roel naceu en 1954 no seo dunha familia de Mugardos. Pasou boa parte da súa vida no Uruguai, emigrado co pai e a nai. No país sudamericano, por cousa do seu compromiso social, padeceu o cárcere e acabou sendo expulsado pola ditadura militar en 1975.
En Galicia viviu en Mugardos, terra natal da familia, onde fixo un labor salientable a prol da articulación do Partido Comunista. A loita sindical e política levouno a Viveiro, Lugo e novamente a Viveiro, localidade que foi fundamental na súa vida.
Con só 24 anos, como membro da antiga Unión Provincial de CCOO de Lugo, foi delegado ao primeiro congreso do sindicato en Galicia, no ano 1978, e resultou elixido membro da primeira Comisión Executiva Nacional. Posteriormente tivo responsabilidades noutros ámbitos sindicais, tanto no comarcal na Mariña como na súa federación.
Por razóns de traballo pasou unha parte da súa vida en Tenerife —onde continuou ligado ao movemento obreiro— e, por motivos sindicais, en Madrid. Na capital do Estado estivo entre os anos 1997 e 2003, período en que, ademais de ser o voceiro na negociación do convenio único da Administración xeral do Estado, ocupouse da Secretaría de Acción Sindical na antiga FSAP-CCOO, tanto na federación galega —os dous primeiros anos— como na estatal.
No terreo político, foi militante comunista durante moitos anos e concelleiro en Viveiro. Desde o 2003 era o alcalde desta localidade, tras gañar as eleccións como candidato independente polo PSdeG.
Ante esta «irreparable perda», a dirección de CC OO de Galicia trasládalles aos seus familiares, amizades, compañeiros e compañeiras «a máis cálida e fraternal aperta».
No hay comentarios:
Publicar un comentario