Comisións Obreiras (CCOO) avalía de xeito positivo a evolución do emprego no que vai de ano que constata a última enquisa de poboación activa (EPA) pero convén na necesidade de agardar aos datos do derradeiro trimestre do ano para comprobar se realmente estamos ante un cambio de conxuntura.
Os datos da EPA do segundo trimestre de 2011 sitúan en 219.600 o número de persoas paradas en Galicia, o segundo nivel máis alto rexistrado nos últimos catorce anos. O desemprego é superior nos homes (111.700 parados) que nas mulleres (107.900). Segundo esta enquisa, en Galicia hai 6.900 persoas paradas menos en comparación co anterior trimestre —en termos relativos, a redución do desemprego é o dobre que a media estatal—.
Esta mellora puntual «non pode facer esquecer que o principal problema de Galicia son as 219.600 persoas que están en paro e, en especial, aquelas que pertencen aos 61.800 fogares en que todos os seus membros están en paro», sinala Maica Bouza, secretaria de Emprego de CCOO.
Ademais, en comparanza co último ano, hai 17.800 persoas desempregadas máis.CCOO esíxelles ao Goberno central e á Xunta que poñan as persoas como prioridade das súas políticas para incrementar a protección social e evitar que se produzan situacións de exclusión social. «Non se consolidará a creación de emprego nin se reducirá o desemprego actuando só na redución do déficit público e contraendo o papel do Estado na economía», indica Bouza.
Unha política fiscal e financeira diferente apoiada por medidas que contribúan a potenciar a reactivación da actividade económica «é a única vía posible xerar emprego», conclúe a sindicalista.Segundo a última EPA, a taxa de desemprego sitúase no 16,7% en xuño de 2011 (0,6 puntos menos ca no anterior trimestre) e increméntase en 1,1 puntos respecto ao mesmo trimestre do 2010. O número de fogares con todos os seus membros activos parados baixou en 7.600 , ata acadar os 61.800 (un 2,8% máis respecto ao segundo trimestre do ano pasado).
A ocupación medra en 10.700 persoas neste trimestre, cun mellor resultado entre as mulleres: 4.600 ocupados máis fronte un incremento da 6.200 empregos femininos. En comparación co mesmo período de 2010, o número de persoas ocupadas baixou en 2.300 (0,21%).Por sectores de actividade, e en relación co anterior trimestre, diminúe a ocupación no sector primario (500 empregos menos) e na construción (1.300 empregos menos). Pola contra, medra en 7.700 persoas na industria e 4.800 no sector dos servizos.
Respecto ao segundo trimestre de 2010, a tendencia é similar: cae o emprego no sector primario (3.000 empregos menos) e na construción (10.000 empregos menos), mentres que sobe na industria e nos servizos en 4.800 e 6.000 persoas, respectivamente.Finalmente, CCOO destaca o dato de que este trimestre se incrementou o número de persoas asalariadas en 12.500 (1,5%), ao tempo que o emprego indefinido medrou nun 0,4% (2.800 asalariados e asalariadas máis) e o temporal subiu un 4,8% (9.600 máis). En termos interanuais, o emprego asalariado reduciuse nun 0,5%, o indefinido un 0,3% e o temporal un 1,2%.
No hay comentarios:
Publicar un comentario