Fecoht Informa

Fecoht Informa

13 diciembre 2010

CC OO e UGT mobilizánse os días 15 e 18 en defensa do estado social


Sánchez Aguión denuncia que a eliminación da axuda dos 426€ empurra a moitas familias «ao límite da exclusión social»
Os secretarios xerais do Sindicato Nacional de Comisións Obreiras (CC OO) e de UGT—Galicia deron hoxe unha conferencia de prensa conxunta para explicar as mobilizacións dos vindeiros día 15 e 18 de decembro. Xosé Manuel Sánchez Aguión e José Antonio Gómez fixeron unha contundente defensa do estado social, de denunciaron os constantes recortes económicos e sociais do Goberno español.
Sánchez Aguión lembrou que pasaron xa cinco meses desde que entrou en vigor a reforma laboral, e o único que se puxo de manifesto «é que non serve para crear emprego, nin mellorar a calidade do mesmo». Moi ao contrario, na súa opinón só serviu para reducir a contratación indefinida, incrementar a temporalidade e facilitar o despedimento. «En resumo, está a producir os efectos contrarios ao que defendía o Goberno», sentenciou.
O dirixente sindical avaliou «moi negativamente» a eliminación da axuda dos 426€, polo que a partir de marzo de 2010 «vai haber máis familias empurradas ao límite da exclusión social», que afectará a entre 8.000 e 10.000 persoas en Galicia.
Canto á posible modificación do sistema de pensións e o atraso da idade de xubilación aos 67 anos, Sánchez Aguión observou un paralelismo coa maneira en que o Goberno español levou a reforma laboral, polo que non descartou que o Executivo central intente impor unilateralmente un cambio se non prosperaren as negociacións cos axentes sociais. O secretario xeral do Sindicato Nacional advertiu de que esa actitude obterá como resposta o rexeitamento de Comisións.
Polo tanto, o 15 de decembro, coincidindo coa xornada de mobilización que convocou a Confederación Europea de Sindicatos (CES), haberá concentracións de delegados e delegadas de CC OO e de UGT diante da Delegación do Goberno na Coruña e das subdelegacións das outras provincias. Asemade, o día 18 haberá manifestacións na Coruña, Lugo e Ourense ás 12 horas, e en Vigo ás 18 horas.
Con estas accións, ademais de rexeitaren as reformas e recortes impostos polo Goberno central, CC OO e UGT fan un chamamento á patronal para desbloquear a negociación colectiva e que non aproveite a conxuntura para modificar á baixa as condicións económicas e laborais da clase traballadora, que se regulan no ámbito do convenio colectivo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario