CCOO denuncia que a reforma laboral incrementará a «feminización da pobreza» en Galicia
O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras (CCOO) denunciou esta mañá que a reforma laboral incrementará a «feminización da pobreza» en Galicia. É unha das principais conclusións do estudo 'A realidade laboral das mulleres en Galicia: o emprego, o salario e a pensión', presentado esta mañá en conferencia de prensa.
Segundo Mabel Pérez, responsable da Secretaría da Muller de CCOO de Galicia, as mulleres galegas estan a perder máis poder adquisitivo que os homes, e esa tendencia irá aumentando como consecuencia da reforma laboral.
Así, indicou que, á vista dos datos do estudo, as mulleres galegas padecen de xeito especial a altísima contratación a tempo parcial. Isto, combinado co feito de que a reforma laboral permite non xustificar horas extraordinarias, provocará a conversión de moitos contratos a xornada completa noutros a media xornada con horas a máis non reguladas, coa consecuente mingua salarial.
Diferenzas salariais
Mabel Pérez tamén denunciou as diferenzas salariais entre homes e mulleres, unha cuestión sobre a cal as empresas son «moi reacias a negociar». Segundo os datos do sindicato, por termo medio as mulleres galegas gañan un 23% que os homes. A diferenza é especialmente significativa en sectores de actividade nos que hai complementos salariais que polo xeral cobran máis eles ca elas.
A secretaria da Muller de CCOO lembrou que os indicadores salariais están intimamente ligados coas cotizacións, e estas coas pensións de xubilación. Así as cousas, actualmente as galegas cobran, de media, un 26% menos de pensión ca un home. Ademais, en numerosos tramos de idade —a partir de 65 anos—, o importe das pensións de xubilación das mulleres están por baixo do salario mínimo interprofesional, situación que en ningún caso se dá nos homes.
Mabel Pérez augurou un empeoramento da situación como consecuencia da reforma laboral, que se sumará á paralización da Lei de dependencia, á deterioración dos servizos públicos e ao desmantelamento dos servizos sociais.
Fase expansiva da economía e crise
A economista Silvia Parga, autora do estudo, explicou durante a presentación que este documento analiza a situación das mulleres no mercado laboral galego. A análise comeza estudando a actividade, o emprego e as súas características e o desemprego. Para iso pártese dos datos da enquisa de poboación activa (EPA), e a análise comeza en 2005 para comparar a fase expansiva da economía e do emprego coa etapa da crise económica.
Canto á poboación activa, aquelas persoas de 16 ou máis anos que están ocupadas ou paradas, o dato máis salientable —e tamén o máis positivo— é que nos últimos anos aumentou «considerablemente» a participación das mulleres no mercado laboral ata chegar en 2011 a unhas 611.400 mulleres activas, a cifra máis elevada que se coñece dende que existen estatísticas.
Parga explicou tamén que a taxa de actividade masculina sempre foi superior á feminina, pero nos últimos anos o diferencial entre unha e outra reduciuse de xeito significativo. En 2005, a diferenza situábase nos 18,3 puntos e no ano 2011 era de 12,5 puntos.
Evolución do emprego
Con respecto á evolución do emprego, a economista destacou que a poboación ocupada galega medrou de xeito continuado entre os anos 2005 e 2008. Nese período, creáronse 70.000 empregos e destes 53.200 foron para mulleres. É dicir, un 76 % do emprego neto creado foi feminino.
A partir do ano 2008 comeza a destruírse emprego en Galicia: perdéronse 117.100 empregos e, deles, 27.900 estaban ocupados por mulleres; é dicir, de cada 100 empregos perdidos entre os anos 2008 e 2011, 24 estaban ocupados por mulleres. A destrución do emprego afectou máis aos homes que ás mulleres, porque incidiu máis nos sectores masculinizados (a construción e a industria).
Con todo, a taxa de ocupación masculina segue sendo moi superior á feminina (51,4 % fronte a 40,2 %), pero a diferenza entre ambas foise acurtando nos últimos anos, fundamentalmente pola forte destrución do emprego masculino. Desde o ano 2008 destruíuse emprego feminino en todos os sectores de actividade, sendo o máis prexudicado o industrial, que perdeu 13.900 empregos femininos, o 22 % dos existentes en 2008. A poboación ocupada feminina no sector da construción tamén seguiu unha liña desfavorable, pois diminuíu nun 34 % no período sinalado; en cifras absolutas, perdéronse uns 3.600 empregos femininos.
Sectores e tipo de contrato
O sector dos servizos —que concentra maioritariamente o emprego feminino— foi o que resistiu mellor na fase inicial da crise, pero a partir do ano 2009 tamén comezou a diminuír nel a ocupación feminina. Nos dous últimos anos perdéronse 16.000 empregos femininos, isto é, un ritmo de caída do 4 % con respecto á cifra de 2009.
Silvia Parga explicou que o emprego a tempo parcial en Galicia é sobre todo feminino, xa que o 77 % das persoas ocupadas neste tipo de xornada son mulleres (en 2011 había 101.400 mulleres fronte a 30.600 homes). Desde que comezou a crise, o emprego feminino que se perdeu foi basicamente a xornada completa. De feito, apuntou a economista, nos tres últimos anos, dos 27.900 empregos perdidos, 27.500 eran a xornada completa e uns 300 a xornada parcial.
No que atinxe ao emprego asalariado, nos dous últimos anos perderon o traballo 20.500 asalariadas no sector privado: 13.000 eran indefinidas e 7.500 temporais. En termos porcentuais, o maior descenso correspondeu ao emprego temporal, que diminuíu un 9 % fronte a un 6 % do indefinido.
No sector público tamén caeu o emprego feminino. No último ano, intensificouse a destrución do emprego temporal e perderon o traballo 2.800 mulleres asalariadas que tiñan un contrato temporal. De feito, a taxa de temporalidade das mulleres supera a dos homes tanto no sector privado coma no público. A maior diferenza entre ambas dáse no público: nas mulleres é do 26,8 % e nos homes é do 17,3 %; é dicir, que a diferenza é case de 10 puntos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario