Fecoht Informa

Fecoht Informa

06 marzo 2012

10 MARZO DIA DA CLASE OBREIRA GALEGA


Vivimos unha das peores crises que se lembran, consecuencia da especulación financeira, por ben que os que a provocaron teimen en nos facer ver e crer que se xerou ao vivirmos por riba «das nosas posibilidades». Desde logo que houbo xente que viviu a todo tren, e así seguen vivindo, pero non é o caso dos que estamos a padecer a crise, que somos os traballadores e as traballadoras.
E na solución á crise quérennos obrigar a padecer máis paro, a perder máis dereitos no despedimento e na nosa intervención desde a negociación colectiva, en forma de recortes sociais e de reforma laboral que debuxan un panorama social e laboral propio de etapas superadas, afortunadamente, como a da ditadura franquista e a súa represión, e non dunha sociedade avanzada, social e de dereito.
Os máis de cinco millóns de persoas desempregadas no Estado, vítimas da mala xestión empresarial e das erráticas políticas económicas dos gobernos que han ir pasando, e os millóns de persoas que manteñen o seu emprego pero viven acosadas por continuos recortes nos seus dereitos, teñen a súa proxección en Galicia en máis de 275.000 persoas desempregadas tras dunha masiva destrución de emprego en todos os sectores. Ante esta situación, o Goberno da Xunta de Galicia aplica as peores receitas neoliberais de recortes nos servizos públicos, e non nos referimos só aos aspectos laborais dos traballadores e traballadoras do sector público, senón aos servizos que se prestan e que son dereitos da cidadanía. Ademais, inhíbese da defensa dos sectores económicos clave en Galicia —como o naval, a industria, a pesca…— e de esixir o desenvolvemento das infraestruturas pendentes.
Esta situación pode ir a peor —como xa nos adiantan o Goberno da Xunta e mais o Goberno do Estado—, con máis destrución de emprego durante 2012 e máis recortes orzamentarios que, sen dúbida, impedirán reactivar a economía, o consumo e, por tanto, a creación de emprego. Hai que lles esixir a ambos os gobernos que apliquen medidas fiscais progresivas para incrementar os ingresos públicos a partir das maiores rendas, e que non poñan en risco cos recortes indiscriminados os avances sociais que tanto esforzo e loita custaron.
E para quen só entenda os dereitos laborais como custos e cargas prescindibles —tanto para os seus teóricos desde lobbies económicos, corporativos e mediáticos, como para os que gobernan «teledirixidos» por eles—, e para quen se beneficia de toda esta situación, que son a peor caste empresarial posible; en definitiva, para todos os argallantes desa reforma laboral que xa estamos a combater coa mobilización e a alternativa, que saiban que se os traballadores e traballadoras, que se as Comisións Obreiras, nos enfrontamos á ditadura franquista en defensa das liberdades, da democracia, de avances nos nosos dereitos laborais, como hai agora corenta anos en Ferrol, á custa da vida a Daniel e a Amador, agora, outra vez, os traballadores e traballadoras, as Comisións Obreiras, defenderemos os nosos dereitos e a nosa dignidade coas maiores mobilizacións, como hai corenta anos, como fixeron Amador e Daniel, como fan os traballadores e traballadoras, como fan as Comisións Obreiras.

VIVA A CLASE OBREIRA GALEGA!!
VIVA O DEZ DE MARZO!!
VIVAN AS COMISIÓNS OBREIRAS!!
DANIEL E AMADOR, NA MEMORIA!!


No hay comentarios:

Publicar un comentario