Case 125.000 persoas mobilizáronse en Galicia este Primeiro de Maio baixo o lema «Queren acabar con todo.Traballo, dignidade e dereitos»
Case 125.000 persoas saíron ás rúas das principais vilas e cidades galegas (A Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Burela, Ourense, Vilagarcía de Arousa, Pontevedra, Vigo e Ribeira), convocadas por UGT e CCOO, para denunciar que «Queren acabar con todo. Traballo, dignidade e dereitos».
A manifestación da Coruña contou coa participación dos secretarios xerais de ambos os sindicatos en Galicia, Xosé Manuel Sánchez (CCOO) e José Antonio Gómez (UGT).
En todas as manifestacións denunciouse que «Queren acabar con todo. Traballo, dignidade e dereitos. Non á reforma laboral. Máis emprego, menos precariedade. Servizos públicos de calidade. Pola igualdade e os dereitos sociais. Máis investimento e menos recortes. As políticas sociais e a igualdade son principios e dereitos irrenunciables. Traballo, dereitos, dignidade».
Este Primeiro de Maio celébrase dentro dun contexto de mobilizacións iniciado o pasado 19 de febreiro e que se manterá no tempo mentres o Goberno non mude o seu xeito de actuar. UGT e CCOO rexeitan que o Executivo continúe a adoptar medidas de axuste que resultan lesivas e que só contribúen a minguar os dereitos dos traballadores e traballadoras e o Estado do benestar, polo que non serven para recuperar a actividade económica. De feito, xa este domingo tiveron lugar en Galicia varias manifestacións para denunciar que «coa educación e a sanidade non se xoga», que contaron cunha participación cidadá moi significativa.
Este ano, o Primeiro de Maio vén marcado pola recrudescencia da crise global. O fracaso das políticas neoliberais que se aplicaron para combatela é un feito incuestionable e con efectos dramáticos, pois aumentaron a destrución de emprego, a pobreza e as desigualdades.
As políticas impulsadas polas institucións europeas son moi inxustas e están tendo consecuencias: máis persoas en paro, máis pobreza e máis desigualdade social. Ademais, son un fracaso en termos económicos. Os obxectivos explícitos están lonxe de poderse cumprir, dado que as políticas de austeridade levaron a unha nova recesión. Hoxe, a crise das débedas soberanas está máis estendida e é máis profunda.
A pésima situación económica e do emprego, lonxe de reconducirse, agrávase. Superada en 2011 a cifra de 5.270.000 persoas en situación de desemprego no Estado e 258.234 en Galicia, as expectativas para este ano e o vindeiro, inmersos xa nunha recesión económica, agoiran un aumento moito maior do desemprego, coa extensión dos despedimentos ao ámbito das administracións e servizos públicos e, polos efectos, no eido privado, da contracción drástica do investimento público.
Unha situación en que a brecha entre ricos e pobres aumenta acotío e sitúa a máis do 22 por 100 dos fogares por debaixo do limiar da pobreza no Estado. Tamén se rexistran en Galicia máximos históricos no número de fogares en que todos os membros en idade de traballar están no paro (82.800), e nos domicilios en que non hai perceptores de ningún tipo de ingresos (24.900).
As dificultades da mocidade para atopar emprego pola falta de expectativas laborais constitúen un problema social de primeira magnitude que empurra a sociedade máis preparada a ver na emigración unha das súas escasas opcións.
En España e en Galicia, os gobernos do PP iniciaron unha rápida carreira de drásticos recortes orzamentarios e profundas reformas estruturais. No Estado destaca unha reforma laboral desmedida, que facilita e abarata o despedimento, torna máis precarias as novas contratacións, desequilibra a favor da empresa as relacións laborais, aumenta as desigualdades e xera novas formas de discriminación, debilita a negociación colectiva e as funcións das organizacións sindicais. A reforma foi masivamente rexeitada na folga xeral do pasado 29 de marzo, que tivo un seguimento do 90 por 100 por parte das traballadoras e traballadores galegos e con 500.000 persoas manifestándose nas rúas. A dimensión da mobilización confirma o apoio á petición de rectificación que reclaman os sindicatos e que os gobernos da Xunta e do Estado deben escoitar.
Mais non parece ser esta a liña escollida polo Goberno cos orzamentos de 2012, aos que lles hai que sumar un recorte adicional en sanidade e educación, dous dos piares básicos do Estado do benestar, de 10.000 millóns de euros, e outros recortes que xa se anuncian.
UGT e CCOO reclamámoslle ao Goberno a apertura dun proceso de negociación para cambiar a fondo a reforma laboral, centrar as políticas públicas no crecemento económico e a creación de emprego suficiente e de calidade, na defensa do modelo social, os servizos públicos esenciais e a cohesión social.
Un grande acordo nacional que recolla medidas de persecución da fraude fiscal e de redistribución da carga impositiva, para que quen máis teña contribúa en xusta medida á saída da crise; que garanta que o sistema financeiro poña a disposición de empresas e familias os recursos necesarios para recuperar a actividade e aumentar o consumo; que impulse a investigación, a innovación tecnolóxica, a educación e a formación, o desenvolvemento sostible e a prevención e a protección da saúde; que consolide a igualdade de oportunidades e a loita contra a discriminación laboral e social; e que recupere a aplicación efectiva da Lei de dependencia, como un alicerce fundamental do Estado de benestar e xacemento de emprego.
CCOO e UGT defendemos os valores inherentes á democracia e ao estado social e reclamamos tamén o respecto á autonomía das partes no ámbito das relacións laborais.
Este Primeiro de Maio é a continuación da folga xeral e das manifestacións que se veñen celebrando dende o 19 de febreiro. Se o Goberno segue sen abrir a negociación reclamada polos sindicatos, o conflito social seguirá e crecerá ata que rectifique a súa política.
No hay comentarios:
Publicar un comentario