Contra a exclusión e a pobreza, só unha solución:
crecemento e emprego
crecemento e emprego
Salvemos a negociación colectiva. Salvemos os nosos
dereitos laborais
Os datos económicos do 2013 evidencian unha dramática situación na economía e no emprego,
malia as reiteradas declaracións de certos dirixentes políticos e empresariais
que falan duns supostos brotes verdes.
A enquisa de poboación activa non deixa ver luz ningunha ao final do túnel: o
ano pasado perdéronse máis de 38.000 empregos en Galicia, que se suman aos desaparecidos
en anos anteriores. En total, desde que comezou a crise, destruíronse no noso
país 227.000 postos de traballo, aos que se engade a gravísima deterioración nas
condicións laborais e de vida.
Hai menos emprego asalariado e de peor
calidade, porque o que se perdeu era mormente indefinido. Dous anos de reforma
laboral deixan tras de si un intenso axuste dos cadros de persoal que empezou
pola non renovación de contratos temporais e continuou co despedimento das
persoas con contrato fixo. A substitución de emprego a tempo completo por
emprego a tempo parcial, intensificada no 2013, constata os efectos perversos
da reforma laboral.
Con todo, o derrubamento da poboación activa
é o maior lastre do mercado laboral galego, que cada vez abandonan máis
persoas... moitas para marcharen do país, todo pola falta de expectativas de
atoparen un emprego ou desenvolveren un proxecto de vida.
O control sectorial sobre a negociación
colectiva aseguraba unha certa paz social. Porén, está a ser substituído por
unha flexibilidade aberta que favorece só a empresa e xera, en consecuencia, maior
conflito. Desde CC OO
constatamos un ataque ás funcións esenciais da negociación colectiva
potenciando que sexa á baixa, coa consecuente regresión en materia de dereitos
sociais, salariais, xornadas e empeoramento das condicións de traballo. A
defensa da negociación colectiva está na orixe das Comisións Obreiras, forma
parte do noso ADN: é a loita
por termos un presente, por termos un futuro. Por iso debemos recalcar que non
estamos soamente ante un problema laboral: estamos ante un ataque ao Estado
social, mesmo ao Estado de dereito. Incluso pensando nunha recuperación do
crecemento, tememos que se deturparon elementos vitais que será imposible
recuperar. Pero o PP continúa gobernando a golpe de decreto e imposición alí
onde ten o poder, sexa no terreo estatal, autonómico ou local.
Chegados a este punto, sería doado caermos na
tentación de, simplemente, lembrar que tal día coma hoxe os traballadores de
Bazán se mobilizaron no ano 1972 para conseguir un convenio xusto. Porén, a
memoria débenos servir para algo máis que evitar o esquecemento dos que deron a
súa vida polos seus compañeiros e compañeiras, neste caso, ademais, asasinados
polo aparato represor da ditadura. Nesta data debemos lembrar que hoxe, coma onte,
os traballadores e as traballadoras só temos unha maneira de defendermos os
nosos dereitos: coa unión da clase obreira. Esta unión é o que hoxe volvemos
reivindicar.
Para CC OO,
a loita obreira é a única solución para defendermos os nosos dereitos laborais,
sobre todo nun momento como o actual en que se pretende criminalizar a quen
exerce o dereito de folga ou de manifestación, castigar os representantes
sindicais e amedrentar a cidadanía. Todo para que non haxa mobilización nin
contestación de ningún tipo.
Recentemente saímos á rúa contra as condenas
de cárcere a dous compañeiros de Pontevedra que participaron nun piquete
informativo na folga do transporte do 2008. Non é a primeira vez que isto
acontece en Galicia nin, polo que parece, será a última, máis aínda co Estado
español sumido nunha deriva represiva que se acrecentará coa mal chamada Lei de
seguridade cidadá ou coa pretensión de endurecer o Código penal. Basten os
exemplos dos oito traballadores de Airbus imputados en Madrid e cinco
sindicalistas máis na Rioxa pola súa participación na folga xeral do 2010.
Asistimos, pois, a unha involución
democrática, non só polo incremento da represión, senón pola perda de dereitos:
unha reforma laboral que debilita a negociación colectiva ao tempo que
precariza e destrúe emprego; unha lei de educación, a LOMCE, que acaba
coa igualdade de oportunidades; a reforma da lei do aborto, que priva as
mulleres de decidiren sobre os seus corpos e a súa propia maternidade, etc.
Intentarán silenciarnos, pero non poderán
connosco. No último ano, foron numerosas as ocasións en que a cidadanía, por
milleiros, tomou as rúas para denunciar unha inxustiza ou defender unha causa
xusta. Os casos máis recentes témolos no pasado 27 de febreiro, na masiva
convocatoria da Alianza Social Galega, a última manifestación contra a reforma
da lei do aborto ou a campaña en defensa dos servizos públicos que está a
desenvolver CCOO desde hai uns meses. Así seguiremos, loitando coa máxima
unidade posible para logramos frear esta vaga de recortes económicos e de
dereitos que nada teñen que ver coa saída da crise.
VIVA A CLASE OBREIRA GALEGA!!
VIVA O DEZ DE MARZO!!
VIVAN AS COMISIÓNS OBREIRAS!!
DANIEL E AMADOR, NA MEMORIA!!
VIVA O DEZ DE MARZO!!
VIVAN AS COMISIÓNS OBREIRAS!!
DANIEL E AMADOR, NA MEMORIA!!
No hay comentarios:
Publicar un comentario