CC OO asegura que a EPA non amosa un cambio de tendencia e insta a Feijóo a non recortar os recursos para o emprego
No último ano perderon o seu posto de traballo 41.500 persoas en Galicia
24-10-2013.- Para Comisións Obreiras (CC OO), os datos da enquisa de poboación activa (EPA) do terceiro trimestre de 2013 reflicten unha mellora estacional e non indican un cambio de tendencia no mercado laboral. Daquela, o sindicato insta a Feijóo a variar o seu proxecto de orzamentos, que recorta un 10 % os recursos destinados ás políticas de emprego.
No último ano perdéronse 41.500 postos de traballo (unha caída do 3,96 %, un punto máis ca no Estado), e o desemprego sumou 13.100 persoas (4,95 % máis fronte ao 2,19 % no Estado). Ao tempo, 89.200 fogares teñen todos os seus membros activos en paro. Estes datos indican que no último ano a evolución do emprego e do desemprego é peor en Galicia ca no Estado. Ademais, nese período abandonaron o mercado laboral 28.400 persoas.
No terceiro trimestre do ano creáronse 7.700 empregos, o que supón un incremento do 0,77 % (no Estado, un 0,24 %). O emprego masculino aumentou nun 0,41 % e o feminino nun 1,17 % (2.200 ocupados máis fronte a 5.500 ocupadas máis). Por sectores de actividade, só se crea emprego nos servizos (8.900 persoas ocupadas máis, un 1,27 %) e na industria (1.900 persoas máis, un 1,26 %). Pola contra, na construción pérdense 3.000 empregos (unha caída do 4,3 %) e no sector primario hai 200 persoas ocupadas menos.
Así as cousas, os datos da enquisa indican que en Galicia, no remate do terceiro trimestre, hai 277.100 persoas paradas, 11.100 menos que no período anterior pero 13.100 máis que no terceiro trimestre de 2012. Neste trimestre, o descenso do paro afectou tanto a homes como a mulleres, pero con diferente intensidade (8.300 paradas menos fronte a 2.900 parados menos). En comparanza co mesmo período do ano 2012, o paro feminino aumentou un 5,5 % e o masculino un 4,43 % (6.700 paradas máis fronte a 6.300 parados máis). A taxa de paro en Galicia sitúase no 21,59 % fronte ao 25,98 % da media estatal; nas mulleres é do 21,36 % e nos homes do 21,8 %.
Nestes tres meses hai 14.400 persoas asalariadas máis, pero o emprego neto creado é temporal: hai 18.900 persoas asalariadas temporais máis e 4.500 indefinidas menos. En cifras relativas, o emprego temporal increméntase nun 11,02 % e o indefinido baixa nun 0,76 %. Con respecto ao terceiro trimestre de 2012, o emprego indefinido cae nun 4,18 % e o temporal un 3,35 %. A taxa de temporalidade sitúase no 24,48 % no terceiro trimestre de 2013 fronte ao 24,32 % no mesmo período do ano anterior.
Nestes tres meses hai 5.700 asalariados máis no sector público e 8.700 máis no privado, o que equivale a un incremento do 3,35 % e do 1,47 %, respectivamente. Se a comparación se fai co terceiro trimestre de 2012, a destrución do emprego asalariado no sector público case duplica a do privado (6,09 % fronte ao 3,36 %).
Valoración de CC OO
Segundo Maica Bouza, secretaria de Emprego de CC OO, os datos da EPA publicados hoxe responden ao período estacional —creación de postos de traballo temporais no sector dos servizos— pero, sobre todo, evidencian o impacto da reforma laboral na substitución de emprego indefinido por eventual.
Por esta razón, CC OO considera «un atropelo» que o proxecto de orzamentos para o 2014 recorte un 10 % os recursos de emprego. Daquela, o sindicato esíxelle ao Goberno que aproveite a tramitación parlamentaria do proxecto de orzamentos para incorporar medidas que favorezan a reactivación económica e o emprego e melloren a proteccións social e os servizos públicos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario