Á atención do Presidente da Xunta de Galicia
Á atención da Consellería de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza
Á atención da Consellería de Traballo e Benestar
Á atención da Consellería de Facenda. Dirección
Xeral de Función Pública
I. O Consello Confederal de
Comisiones Obreras e a Comisión Executiva da Confederación Sindical da
Unión General de Trabajadores, nas súas respectivas sesións do día 19 de outubro
de 2012, decidiron convocar FOLGA XERAL que
afectará a todas as actividades laborais
e funcionariais desempeñadas polos traballadores e polos empregados públicos das empresas e organismos
establecidos dentro do ámbito xeográfico
e xurídico do Estado español. Inclúense as actividades laborais e
funcionariais desempeñadas polo persoal contratado e o persoal funcionario no Servizo
Exterior Español; é dicir, afecta a todas as dependencias e centros de traballo
independentemente do ministerio, organismo ou entidade pública ao que pertenza o
empregado público e do destino que teña na Administración exterior do Estado.
II. En virtude diso, CC OO, na súa condición de sindicato máis
representativo no Estado, mediante este escrito, no tempo e na forma que
corresponde, e de acordo co establecido nos artigos 3 e 4 do Real decreto lei
17/1977, do 4 de marzo, procede a COMUNICAR a decisión adoptada,
advertindo que a folga convocada afectará tamén ás empresas e organismos encargados
de prestar servizos públicos.
III. A folga convocada terá lugar durante
a xornada do día 14 de
novembro de 2012, comezando ás 0 horas e terminando ás 24 horas do devandito día.
No obstante, naquelas empresas
que teñan varias quendas de traballo, o comezo da folga efectuarase na primeira
quenda, aínda que empece antes das 0 horas do día 14, e a súa finalización terá
lugar unha vez rematada a derradeira quenda, aínda que se prolongue despois das
24.00 horas do día 14. Así mesmo, naquelas empresas que teñan unha única quenda
de traballo, pero esta empece antes das 0 horas do día 14, o paro iniciarase á hora
de comezo da actividade laboral e rematará o día 14 de novembro na hora en que esta
conclúa.
IV. Durante a xornada do día 13, cesarán na súa actividade
laboral e funcionarial os traballadores e funcionarios cuxa prestación
profesional estea relacionada coa elaboración de produtos, servizos e
aprovisionamentos que haberán de ter efectos inmediatos o día 14.
Neste suposto, a folga desenvolverase
nos termos das convocatorias que para tal efecto se realicen.
V.
SON OBXECTIVOS DA FOLGA XERAL:
1.- O rexeitamento á reforma do mercado laboral que
supuxo un retroceso sen precedentes nos dereitos dos traballadores e traballadoras,
tanto na súa vertente individual como colectiva.
1.1. A reforma
laboral iniciada co Real decreto lei 3/12, de medidas urxentes de reforma do
mercado laboral, e consolidada coa Lei 3/12, do 6 de xullo, de igual nome, provocou
unha ruptura dos piares básicos do dereito de traballo, introducindo no noso dereito laboral o despedimento
libre e gratuíto mediante o novo contrato de apoio aos emprendedores; outorgando
ao empresario un poder absoluto sobre as condicións laborais dos traballadores;
dando carta libre ao empresario para a extinción dos contratos de traballo,
pola tripla vía de facilitar as causas obxectivas, tanto no despedimento
individual coma no colectivo; eliminando a autorización administrativa e
abaratando substancialmente a indemnización por despedimento disciplinario, con
efectos claros no despedimento obxectivo e no colectivo; e, finalmente,
erosionando o poder contractual colectivo dos traballadores ao romper o sistema
de negociación colectiva.
Esta reforma, que xustificou o Goberno como
necesaria para a creación de emprego, produciu o efecto contrario, unha maior,
máis rápida e máis barata destrución de emprego, con menores dereitos e
garantías para os traballadores e incremento desmesurado das taxas de desemprego
que a finais do terceiro trimestre do 2012, tras oito meses de vixencia da
reforma, alcanza unha porcentaxe do 25,02 sobre a poboación activa, o que supón
que 5.778.100 traballadores e traballadoras se encontran en situación de desemprego.
Entre xullo e setembro de 2012, o desemprego incrementouse en 85.000 persoas. Unha
de cada catro persoas que quere traballar e busca emprego non o pode facer. Ademais, a cobertura das prestacións por desemprego
segue caendo, e na actualidade só beneficia ao 67% dos desempregados, 13 puntos
menos que hai dous anos. O número de traballadores
afectados por expedientes de regulación de emprego (ERE) autorizados polas autoridades
laborais ou comunicados a estas tras a reforma laboral de febreiro de 2012
aumentou un 53,3% nos oito primeiros meses do ano, en comparación co mesmo período
de 2011. En concreto, un total de 299.021 traballadores e traballadoras víronse
afectados por un ERE ata agosto, en contraste cos 195.032 traballadores que
estiveron implicados nunha regulación de emprego durante os oito primeiros
meses de 2011, segundo os datos que constan no Boletín de Estatísticas Laborais
do Ministerio de Emprego.
Especial repercusión ten e vai ter na destrución de
emprego do sector público, a prohibición incorporada no Estatuto dos Traballadores
pola Lei 3/12 de que as Administracións públicas, os organismos públicos e as
entidades de dereito público, coa soa excepción das que se financien con
ingresos obtidos por operacións realizadas no mercado, poidan acudir á suspensión
temporal de contratos ou redución de xornada como medida de flexibilidade
interna para evitar os despedimentos colectivos.
Maior destrución de emprego que se verá igualmente
incrementada ante a medida do Goberno de non prorrogar, nos supostos de despedimentos
obxectivos, a reposición da prestación de desemprego consumida nas suspensións
ou reducións de xornada que se produzan a partir do 1 de xaneiro de 2013,
medida que incentivaba axustes internos sobre as extincións de contratos.
1.2. A reforma operada polo Real decreto lei 20/2012, do 13
de xullo, de medidas
para garantir a estabilidade orzamentaria e de fomento da competitividade, supuxo
un novo axuste dos dereitos laborais dos traballadores do sector público, tanto
dos traballadores por conta allea como dos funcionarios.
A reforma suprime a paga extraordinaria de Nadal en 2012; reduce as
prestacións durante as situacións de incapacidade laboral transitoria e en máis
do 50% os días de libre disposición e permisos; rompe o réxime de eficacia dos
convenios colectivos do persoal laboral outorgándolle un poder unilateral ao
empregador público e modifica tamén o réxime dos órganos de representación dos
empregados no sector público.
Estas medidas, sumadas ás que xa veñen afectando aos traballadores
do sector público desde a aprobación do Real decreto lei 8/2010, do 20 de maio,
de medidas urxentes para a reforma do mercado de traballo, non só teñen un forte
impacto nas súas retribucións, e, en consecuencia, no seu poder adquisitivo, senón
tamén en aspectos nucleares das súas condicións individuais de traballo e nos seus
dereitos colectivos.
1.3. A reforma operada polo Real decreto
lei 20/2012, do 13 de xullo, de medidas
para garantir a estabilidade orzamentaria e de fomento da competitividade,
castiga o colectivo que con especial intensidade está padecendo a profunda crise
que afecta a España: os desempregados.
Nunha situación como a que está
a sufrir España, na que non deixan de crecer as taxas de desemprego e as de risco
de pobreza, o Goberno non cesa no recorte das prestacións por desemprego, tanto
de nivel contributivo como asistencial.
O Real decreto lei 20/2012 diminuíu o importe da
prestación contributiva e incrementou as cotizacións á Seguridade Social no dito
período; elevouse a idade de 52
a 55 anos para poder acceder ao subsidio previo á xubilación,
reduciuse o seu período de duración, que só alcanza ata que se teña dereito a calquera
das modalidades existentes de xubilación, diminúese a cotización no dito período
con repercusión no importe das futuras pensións; desaparece o subsidio especial
para maiores de 45 anos cunha duración de 6 meses; endurécense os requisitos de
acceso á renda activa de inserción (RAI) e o de carencia de rendas para acceder
a calquera dos subsidios, e redúcese o dereito á prestación, ou se é o caso ao subsidio
de desemprego, para os traballadores con contratos a tempo parcial.
Así mesmo, esta situación de recorte nas
prestacións por desemprego, nun momento en que é maior a exixencia
constitucional prevista no artigo 41 da nosa norma suprema, de garantir a
asistencia e prestacións sociais suficientes ante situacións de necesidade,
especialmente en caso de desemprego, agrávase ante a rebaixa da partida para as
prestacións de desemprego no proxecto de lei de OXE 2013, que pon en serio perigo
o mantemento do plan PREPARA máis alá do próximo mes de febreiro.
Ante as consecuencias tan profundamente negativas no
mercado de traballo e en particular nos dereitos dos traballadores, das medidas
anteriormente descritas, requírese a súa substitución
por outras negociadas que, respectando o necesario equilibrio nas relacións
laborais, os dereitos individuais e colectivos dos traballadores, supoñan o
mantemento e a creación de emprego e a debida protección dos desempregados.
2. O rexeitamento ao bloqueo nos procesos
negociadores dos convenios colectivos
En xaneiro
deste ano, as organizacións empresariais e sindicais máis representativas asinaron
o II AENC, que incorpora criterios e recomendacións para seguírenas os
negociadores dos convenios colectivos no período 2012-2014, entre eles, os que
afectan á flexibilidade interna negociada e ao crecemento moderado dos salarios e beneficios para os anos 2012, 2013 e
2014, propoñéndose, así mesmo, un especial seguimento e vixilancia da evolución
dos prezos daqueles bens e servizos con especial repercusión para as persoas
con menor renda e facendo un chamamento ás Administracións públicas á
contención dos prezos da súa competencia e a extremar a mellora da xestión e a
redución de custos.
As organizacións
sindicais non cesamos de demandar o cumprimento do II AENC e a incorporación
global dos seus criterios e recomendacións aos convenios colectivos en proceso
de negociación, procesos que están totalmente bloqueados ante a actitude obstrucionista
das patronais e o seu empeño en pretender gañar competitividade deprimindo os custos
do factor traballo e provocando unha caída significativa do poder adquisitivo
dos salarios, nunha clara transferencia de rendas do traballo ao capital, co
que iso supón de empobrecemento xeneralizado, de caída do consumo e, en
consecuencia, de lastre para a recuperación da actividade económica.
Cómpre que
cese esta actitude obstrucionista que está deteriorando o normal desenvolvemento
das relacións laborais. A negociación dos convenios colectivos debe desbloquearse,
asumindo as patronais os criterios contidos no II AENC en conxunto, ao
constituír elementos interrelacionados que exixen o seu tratamento global, tanto
en materia salarial, como en flexibilidade, emprego e non-aplicación pactada das
condicións reguladas nos convenios.
3. O rexeitamento ás políticas sociais que, máis
alá de afondar no desmantelamento do estado do benestar, están xa debilitando dereitos
constitucionais básicos que son fundamento do contrato social e da convivencia
democrática en España.
Desde o
comezo do seu mandato, o Goberno actual centrou a súa política de consolidación
orzamentaria nos recortes sociais, e con ese obxectivo foi aprobando unha
sucesión de medidas sobre medidas, coas que está arrasando de forma vertixinosa
os dereitos sociais dos traballadores e cidadáns do noso país. A Lei 2/2012, do
29 de xuño, de orzamentos xerais do Estado para 2012; o Real decreto lei 16/2012,
do 20 de abril, de medidas urxentes para garantir a sustentabilidade do Sistema
Nacional de Saúde e mellorar a calidade e seguridade das súas prestacións; o
Real decreto lei 20/2012, do 13 de xullo, de medidas urxentes para garantir a
estabilidade orzamentaria e de fomento da competitividade e agora o proxecto de
orzamentos xerais do Estado para 2013, son unha mostra desta liña de actuación á
que hai que sumar as que xa adoptaron e están por adoptar as comunidades autónomas
nos seus respectivos orzamentos, ante a negativa do Goberno de conceder ás autonomías
a marxe de tempo para reducir a débeda outorgada pola Unión Europea.
En
materia de educación, os recortes ao ensino público ascenderon xa a case 4.000
millóns de euros e supoñen o despedimento de 50.000 docentes. A isto hai que
sumar o fortísimo incremento das taxas universitarias e a creación doutras novas
para a matriculación na formación profesional. Este atentado á calidade da
educación, á igualdade de oportunidades e á educación pública preténdese reforzalo
agora cun proxecto de reforma educativa partidista e segregadora. En efecto, o
anteproxecto de Lei orgánica de mellora da calidade educativa proponse
introducir as leis do mercado no funcionamento do sistema escolar para
favorecer os intereses privados de determinados sectores, sen aspirar a superar
os problemas que ten a educación no noso país, a falta de medios humanos e
materiais, a saturación das aulas, o abandono escolar. Este proxecto do Goberno
deseña un sistema educativo que omite calquera referencia á función de cohesión
e integración social da educación, especialmente importante na educación
básica, que afondará nas desigualdades ao non compensar as carencias do
alumnado máis desfavorecido pola súa orixe social, que non busca o éxito de
todo o alumnado nin promove a superación das dificultades, que desvaloriza a formación
profesional, que elimina a participación da sociedade e da comunidade educativa
no sistema e que demostra un menosprezo polo labor fundamental do profesorado,
ao que se ataca novamente nas súas condicións de traballo.
As
medidas en materia de sanidade seguiron o mesmo percorrido. O Real decreto lei
16/2012, do 20 de abril, de medidas urxentes para garantir a sostemento do Sistema
Nacional de Saúde e mellorar a calidade e seguridade das súas prestacións,
constitúe un paso máis para situar o Sistema Nacional de Saúde nunha suposta
ineficacia que xustifique a entrada da iniciativa privada e promova o dobre
aseguramento sanitario. Con esta reforma, o dereito á sanidade xa non é universal,
senón que queda limitado á previa condición de asegurado. As medidas adoptadas
polo Goberno van impedir o acceso á tarxeta sanitaria a un importante número de
inmigrantes que viven no noso país. A carteira de servizos quedará dividida en
tres niveis: a financiada, a que se realizará con «repagamento», é dicir, con achega
do usuario, e a que será exclusivamente de pago. Por primeira vez na nosa democracia,
oito millóns de pensionistas participarán no copagamento farmacéutico e incrementarase
a achega da maioría dos usuarios. Ao mesmo tempo, baixo o pretexto da crise e
da necesidade de aforro, os sucesivos recortes, tanto desde o Estado como desde
as comunidades autónomas, ademais de empeoraren as condicións laborais de todos
os profesionais, están poñendo gravemente en perigo a atención sanitaria e a súa
calidade asistencial. Todo isto supón un avance sen precedentes na desigualdade
e na inxustiza social.
O
sistema de protección ás persoas en situación de dependencia está correndo a mesma
sorte antes de culminar a súa implantación. O proxecto de orzamentos xerais do
Estado para 2013 implica unha redución de case 500 millóns de euros respecto do
orzamento inicial de 2012, continuando cunha política cuxo principal resultado foi
que desde febreiro ata hoxe o sistema vén reducindo sistematicamente o número
de persoas que teñen dereito a estar atendidas. O proxecto marca como obxectivo
atender só 850.000 persoas en situación de dependencia dos máis dun millón que
teñen actualmente recoñecido o dereito. Esta é a continuidade dunha política de
forte retroceso nos niveis de protección aos máis necesitados, que quedou
plasmada mediante a reforma estrutural do sistema operada polo Real decreto lei
20/2012, do 13 de xullo. Novamente se reproduce o mesmo patrón regresivo en termos
sociais. Coa dita reforma perséguese o recorte drástico do xa modesto gasto
social público dedicado aos servizos sociais de dependencia, a redución do
universo de persoas protexidas e o cambio de modelo de protección para
transitar cara á súa mercantilización, o que agrandará as desigualdades: as
persoas dispoñerán dunha cobertura desigual en calidade e cantidade en función
da súa maior ou menor capacidade económica, e empúrrase novamente as mulleres,
particularmente as que teñen menos recursos, a asumiren a responsabilidade e a
carga dos coidados.
É urxente
modificar de raíz estas políticas e reformas que recollen os dereitos básicos
das persoas como un gasto prescindible e substituílas por outras que os recoñezan
de novo como fundamento da convivencia democrática e que, polo tanto, garantan o
dereito de todos e de todas a acceder en condicións de igualdade a unha
educación e sanidade pública de calidade e á atención adecuada nas situacións
de dependencia e nos estados de necesidade por calquera circunstancia.
4. O rexeitamento ás políticas económicas e fiscais,
tanto no ámbito europeo como en España, que, lonxe de dinamizar a economía,
están agravando a crise, incrementando o desemprego e a pobreza.
Transcorridos
xa case cinco anos desde que se empezaron a percibir os primeiros síntomas da
crise no noso país, non cabe achacar ás súas causas orixinarias a persistencia e
gravidade do seu impacto. Máis alá da virulencia do sismo financeiro que se
iniciou nos EUA e se estendeu ao resto do mundo, e da creba do noso modelo de
crecemento baseado na especulación inmobiliaria, o empobrecemento ao que
estamos sometidos desde hai dous anos e a erosión do noso estado de benestar
obedece a outras razóns, que son as erróneas políticas aplicadas desde entón,
subordinando todo ao axuste drástico do déficit.
Estas
políticas, que comezaron a aplicarse nitidamente no noso país en maio de 2010, estendéronse
e afondáronse nos once meses de goberno do Partido Popular e afectaron, como se
describiu máis arriba, a dereitos laborais básicos e ao noso estado do benestar.
Ademais,
o Real decreto lei 20/2012 tamén aprobou a suba do IVE (que o Goberno negara unha
e outra vez), co que, xunto con outras medidas impositivas puntuais, e xunto coas
que desde o mes de decembro do pasado ano se foron aprobando, constitúen unha
auténtica reforma fiscal encuberta orientada ao único obxectivo de recadar máis,
e que carga o peso do esforzo sobre as clases medias e traballadoras, mentres
se mostra compracente coas grandes fortunas e as bolsas de fraude.
A
finais do mes de setembro, o Goberno presentou o proxecto de Lei de OXE 2013,
que incorpora o maior axuste da democracia, unha monumental tallada ás nosas
capacidades produtivas e ao noso estado de benestar, de consecuencias fatais, e
faino de maneira calculadamente ambigua en temas tan sensibles como a
revalorización das pensións e escasamente crible na medida en que formulan un
escenario económico irrealizable, baseado en supostos excesivamente optimistas,
desautorizados polas previsións de todas as institucións de análise do noso país
e de orde internacional.
Por outra
parte, e o que é máis grave, son inútiles para saír da crise, xa que non recollen
nin unha medida para impulsar a actividade e o emprego, e supoñen drásticas reducións
nas partidas clave para a reactivación económica a través do investimento
produtivo e nas políticas sociais básicas (sanidade, educación, dependencia,
servizos sociais). Non haberá saída da crise se non hai crecemento da actividade.
E estes OXE nada conteñen para impulsala. Son uns orzamentos para seguir na crise,
non para saír dela; para manter a asfixia das familias, non para aliviala; para
que as empresas sigan sen ver perspectivas de aumento dos seus negocios, posto
que non aumentará a demanda dos seus produtos.
Son uns
orzamentos que dan as costas aos cidadáns, desoíndo todas as súas necesidades. Iso
si, reflicten un aumento dos intereses da débeda de 9.700 millóns de euros, que
son a máis clara expresión do fracaso das políticas aplicadas ata o momento: non
só decotaron as nosas capacidades de despegue e empobreceron o país, senón que
non serviron para frear os custos do noso endebedamento externo (ao contrario),
aquilo en función do cal se están a xustificar todos os recortes desde hai dous
anos e medio.
Unha
das poucas partidas orzamentarias que crecerán en termos nominais, a destinada ás
pensións, un 1%, foi presentada polo Goberno como unha das súas mensaxes centrais.
No entanto, os pensionistas perderán poder adquisitivo en 2013. Primeiro,
porque as subas de impostos (como o IVE) e dos prezos de servizos básicos (como
os da electricidade), unidas ao repagamento sanitario, absorberán de sobra ese
reducido incremento do 1%. E, segundo, porque todo apunta a que o Goberno non
vai compensar os pensionistas da desviación dos prezos en 2012, tal e como
manda a Lei de seguridade social, o que supón un impacto por si só moito maior
(podería alcanzar os 5.000 millóns de euros) que a raquítica suba decidida para
o vindeiro ano.
En
materia de desemprego, vaise producir un recorte de gasto do –6,3% respecto do orzado
para 2012, o que supón 1.800 millóns menos, que derivan en boa parte das
medidas adoptadas no Real decreto lei 20/2012. É o recoñecemento de que se
están recortando as prestacións sociais, nesta fase de máximas dificultades
para os traballadores, e en especial para os preto de seis millóns que non
poden traballar.
Estas
erróneas políticas do Goberno, tributarias das impostas pola troica (BCE, FMI,
Comisión Europea) baseadas no recorte e o empobrecemento colectivo, que se
están aplicando en toda Europa e contra as que a Confederación Europea de
Sindicatos adoptou distintas accións de protesta, entre elas unha Xornada de
Acción e Solidariedade Sindical unitaria para o próximo 14 de novembro, teñen a
súa última mostra no proxecto de orzamentos para o ano 2013. O Goberno teima
nunha estratexia de asfixia das nosas capacidades de despegue e de debilitación
económica continuada que están xerando importantes gretas na cohesión
democrática e na convivencia pacífica do noso país, que resultan moi
preocupantes. Nunhas condicións así só cabe esperar que aumente a pobreza (xa
son 13 millóns de españois e españolas, un 27% da poboación, os que xa están
por debaixo deste límite) e a exclusión; fenómenos ambos que inciden moi maioritariamente
nas mulleres, os inmigrantes, a xuventude e agora xa, na infancia (en España,
máis de 2.200.000 nenos e nenas viven en fogares considerados pobres ou en
situación de pobreza grave).
Ante as consecuencias tan profundamente negativas
que as políticas económicas e fiscais seguidas polo Goberno están carrexando
nos dereitos económicos, sociais e laborais, é imprescindible un xiro radical
destas, substituíndoas por outra que incentive
o investimento, estimule a actividade económica e a creación de emprego, que mellore
os ingresos do Estado mediante unha loita decidida contra a fraude, de exixir
aos bancos que paguen polo menos parte da factura do seu rescate, e mediante unha
reforma fiscal que aposte pola suficiencia, a equidade e a solidariedade entre
persoas e territorios.
VI. XESTIÓNS REALIZADAS
A imposición dunha reforma laboral tan agresiva
para os dereitos dos traballadores como a que introduciu o Real decreto lei
3/2012, orixinou un profundo rexeitamento social que se evidenciou no seguimento
da xornada de folga xeral, que tivo lugar o 29 de
marzo deste ano, e na participación cidadá nas diversas manifestacións
convocadas para mostrar esa desconformidade.
Uns
días máis tarde, os secretarios xerais confederais de Comisiones Obreras e da Unión General de
Traballadores remitiron ao presidente do Goberno unha carta, datada o 9
de abril, na que lle mostraban a súa preocupación polo proxecto de orzamentos
xerais do Estado (OXE), que acababa de aprobar o Consello de Ministros, ao
entender que o seu carácter tan restritivo non contribuiría a reactivar a
economía, xerándose máis desemprego e a debilitación dos servizos sociais.
Ao mesmo
tempo, reiterábaselle o compromiso sindical coa dita reactivación económica,
coa creación de emprego e co diálogo e a negociación, do que era mostra o Acordo
para o Emprego e a Negociación Colectiva (II AENC) subscrito o 25 de xaneiro de
2012 coas organizacións empresariais, no que se fixan incrementos moderados dos
salarios acompañados de moderación de beneficios e control efectivo de prezos,
ofrecéndolle propostas para contribuír a superar a grave situación de crise e
para promover o consenso social e político —sen menoscabo da lexitimidade que
as urnas outorgan—, tan necesario nas actuais circunstancias en temas como a
reforma laboral e os OXE.
A resposta
do presidente do Goberno limitouse á mera comunicación de que dera instrucións á
ministra de Emprego e Seguridade Social.
Pero o
certo é que, en relación á reforma laboral, fíxose caso omiso ás formulacións
sindicais para solucionar os problemas de que adoece, especialmente de
inconstitucionalidade. Isto levounos a presentar ante a Defensora do Pobo unha
solicitude para que promovese un recurso de inconstitucionalidade, ao careceren
os sindicatos de lexitimación para facelo. Unha petición que tivemos que
repetir con ocasión do Real decreto lei 20/2012, do 13 de xullo, de medidas
para garantir a estabilidade orzamentaria e de fomento da competitividade. En
ambos os casos, a decisión adoptada pola Defensora do Pobo foi a de non
interpoñer o recurso solicitado.
Por outra
parte, dada a natureza das medidas introducidas nas reformas, presentamos os
correspondentes escritos de queixa ante a Organización Internacional do Traballo
(OIT), por violación do dereito de liberdade sindical e do dereito á negociación
colectiva (Convenios da OIT números 87, 98 e 154), así como por violación do
Convenio sobre a terminación do contrato de traballo de 1982.
No mes
de xullo, despois de que os secretarios
xerais confederais da Unión General de Trabajadores e de Comisiones Obreras mantiveran
unha entrevista coa chanceler alemá, tras a xestión que efectuaron os
sindicatos alemáns e a Confederación Europea de Sindicatos, o presidente do Goberno
convocou aqueles a unha reunión na que, logo de escoitar a exposición que fixo o
presidente do Goberno sobre a gravidade da crise e a delicada situación da
economía española, aproveitaron para manifestarlle, unha vez máis, o radical
desacordo sindical cos recortes sociais e laborais, que só provocarán o
agravamento da situación económica, o empobrecemento da poboación asalariada e
dos pensionistas e o desmantelamento do estado de benestar e dos servizos públicos,
poñendo especial énfase nas preocupantes características das liñas orzamentarias
previstas para 2013. Neste sentido, transmitíronlle a falta de credibilidade de
tales previsións orzamentarias —insostibles polas hipóteses de evolución máis
sensatas e fundadas das variables económicas esenciais—, a súa inutilidade para
sacarnos da crise —ao carecer dos elementos necesarios para impulsar o crecemento
da actividade e en cambio manter a asfixia das familias e a falta de
perspectivas de negocio das empresas—, a ausencia de garantía do seu cumprimento
—á vista do acontecido cos orzamentos correspondentes a 2012— e a ausencia de
solucións ás necesidades dos cidadáns —que reclaman outras políticas
alternativas que compatibilicen o progresivo axuste do noso endebedamento coa
reactivación da economía e do emprego sen perda de dereitos—.
En
todos os organismos en que contamos con participación institucional denunciamos
as nefastas consecuencias que van producir os recortes nos gastos.
Seguimos
insistindo, ante os distintos ámbitos e organismos, sobre a necesidade de
abordar desde o diálogo e a negociación as materias que constitúen as
principais preocupacións dos traballadores e traballadoras, ademais do emprego,
polas dificultades que lles están a xerar nas súas condicións de vida: sanidade,
educación, vivenda, protección social, piares básicos do noso estado de benestar.
A esta
situación hai que sumar a progresiva deterioración das relacións laborais, que
se evidencia nunha postura empresarial que determinou que no derradeiro trimestre
do ano aínda sexa moi elevado o número de traballadores cuxo convenio está pendente
de negociar e, aínda máis grave, trátase de convenios en que o atraso na
negociación acumula tres e ata catro anos, a pesar dos intentos sindicais por
impulsar a negociación colectiva.
As materias
contidas no II AENC, subscrito polas organizacións empresariais e as sindicais no
mes de xaneiro, constitúen elementos interrelacionados que exixen o seu tratamento
completo, o que impide que se cumpran os criterios establecidos en materia
salarial e se rexeiten os relativos a flexibilidade interna. Aínda que debería
quedar fóra de toda dúbida que os Acordos se asinan para ser cumpridos, non cesamos
en demandar tal cumprimento. A última xestión efectuada nese sentido concrétase
na remisión dunha carta, o pasado día 17 de outubro, das organizacións sindicais
UGT e CCOO ás organizacións empresariais que asinaron o devandito II AENC,
solicitando a reunión urxente da Comisión de Seguimento deste Acordo.
En
definitiva, todos os intentos por recompoñer a grave e insostible situación pola
que atravesa o noso país desde o diálogo, o consenso e a negociación foron en
van, e isto malia que o clamor dos traballadores, e da cidadanía en xeral, se fixo
patente nas distintas manifestacións e concentracións que se veñen producindo
desde o mes de abril e ata o presente mes de outubro (manifestacións o 29 de
abril, 1 de maio, concentración «noite e día» 23 e 24 de maio, 20 de xuño, 19
de xullo, concentracións «venres negro» 27 de xullo, 3, 24 e 31 de agosto,
marcha a Madrid o 15 de setembro, manifestación 8 de outubro) cunha masiva
participación.
VII. De conformidade co disposto no art. 4.1 k e 17 do V Acordo sobre
Solución Autónoma de Conflitos Laborais, con carácter previo a esta comunicación
formal esgotouse o procedemento de mediación. Para acreditar ese punto, xúntase
a acta.
VIII. Para os
efectos procedentes e, nomeadamente para os procesos de negociación dos
servizos mínimos, comunícase que o Comité de Folga durante a realización da folga
convocada estará composto polos seguintes membros:
Carlos Pardo Pardo 34 722 341 T
María del Carmen Bouza Seoane 32 771 499 H
Ana Isabel Pérez Simal 35 256 301 S
Juan Martínez García 11 835 615 E
Ramiro Nicolás Otero Rodríguez 13 288 633 S
María Jesús Fernández García 32 424 721 B
María Dolores González Lorenzo 52 451 481 G
Enrique Llames Pérez 32 780 381 E
Este Comité delega expresamente nas estruturas
sindicais e nos representantes dos traballadores e traballadoras que en cada
caso se designen para os efectos de negociar os servizos mínimos e outras
cuestións operativas relacionadas coa folga.
IX. Finalmente, poñemos no seu coñecemento que o sindicato convocador ten o seu
domicilio social en Santiago - 15707, rúa Miguel Ferro Caaveiro, 8.
En Santiago de Compostela, 31 de outubro de 2012
Asdo. Xosé Manuel Sánchez Aguión
Secretario Xeral do S. N. de CCOO de
Galicia
No hay comentarios:
Publicar un comentario