Fecoht Informa

Fecoht Informa

01 mayo 2014

1 de Mayo en Galicia,

Milleiros de persoas lembraron neste Primeiro de Maio que o emprego é o motor da recuperación económica
  • A última enquisa da poboación activa (EPA) sinala que Galicia ten case trescentas mil persoas desempregadas e unha taxa de paro do 23,2%
Milleiros de persoas participaron hoxe nas manifestacións convocadas por UGT e CCOO no Primeiro de Maio baixo o lema «Sen emprego de calidade non hai recuperación». A Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Viveiro, Lugo, Ourense, Vilagarcía de Arousa, Pontevedra e Vigo foron as localidades nas que os dous sindicatos convocaron marchas reivindicativas.

Os secretarios xerais de CCOO, Xosé Manuel Sánchez Aguión, e de UGT, José Antonio Gómez, participaron na manifestación de Vigo. Ao remate da manifestación na cidade olívica lembraron que este Primeiro de Maio chegou marcado polas políticas de austeridade, que impoñen de forma autoritaria tanto os organismos europeos como os gobernos central e galego, e que só provocan paro, desigualdade, pobreza e recorte de dereitos sociais e laborais, amais da deterioración dos sistemas de protección social.

Para os dirixentes sindicais, o paro é o principal problema do país, polo que o emprego é a primeira necesidade. Precisamente, as reivindicacións do Día Internacional do Traballo producíronse só dous días depois da publicación da enquisa de poboación activa (EPA) do primeiro trimestre do ano, que cifra en 296.900 as persoas desempregadas en Galicia e sitúa a taxa de paro no 23,2%. Os datos do desemprego son un reflexo da deterioración das condicións de vida: xa son 101.500 os fogares con todos os activos en paro e 34.300 os fogares que carecen de ningún tipo de ingreso.

Gómez e Aguión lembraron que o desemprego e os recortes son un mal que afecta a toda Europa, pero de xeito especial aos países do sur do continente, como é o caso. Por esta razón tamén tiveron a ollada posta nas inminentes eleccións europeas, que terán lugar o día 25. Na cita electoral a cidadanía terá a oportunidade de escoller entre o actual modelo, de recortes e a precarización das condicións de vida e de traballo, ou aportar por alternativas que rematen coa austeridade, combatan a a competencia baseada nos baixos salarios, defendan os servizos públicos e recuperen a esencia da democracia.

Precisamente, outro modelo é o que propugna a Confederación Europea de Sindicatos (CES), da que forman parte CCOO e UGT, que presentou un plan que prevé proxectos en sectores clave como a enerxía, redes, infraestruturas de transporte e telecomunicacións, educación e formación, investigación, servizos públicos ou vivenda social, entre outros, o que posibilitaría crear once millóns de empregos na UE, poñer fin aos recortes de gasto, aumentar os salarios e reforzar as prestacións e redes de protección social.

UGT e CCOO consideran que este tipo de medidas deberían ser complementadas con acordos políticos e sociais. Dunha banda, un grande acordo para o emprego e a reactivación da actividade económica que integre as forzas políticas e os interlocutores sociais e procure o cambio de modelo produtivo así como o mantemento e afondamento nos servizos e prestacións do estado do benestar. Da outra, un acordo en defensa da democracia fronte a medidas de cariz autoritario, como a reforma do Código penal ou a lei de seguridade cidadá, que só pretenden coartar os dereitos de folga e de manifestación.


No hay comentarios:

Publicar un comentario