CC OO ve na caída da afiliación á seguridade social a «falta de expectativas» de milleiros de persoas e insta a Xunta a actuar
Para o sindicato, o Executivo de Feijóo «vive de costas á realidade que goberna», como demostran os orzamentos galegos do 2014
3-1-2014.- Comisións Obreiras (CC OO) celebra que en 2013 se reducira o paro, ben que sinala a contradición entre a evolución da afiliación e a do desemprego. Os datos do mes de decembro revelan que o paro seguiu aumentando na comunidade autónoma, mentres que na media estatal caeu un 2,24 %. Actualmente, 271.063 persoas carecen de posto de traballo en Galicia: 138.096 son mulleres e 132.967 son homes.
En termos absolutos, ao rematar decembro hai 209 persoas desempregadas máis que en novembro (un incremento do 0,08 %). O desemprego subiu nos homes (2.698 parados máis, un incremento do 2,07 %) e baixou nas mulleres (2.489 paradas menos, un descenso do 1,77 %). Por idades, destaca o incremento dun 0,42 % do paro na poboación maior de 25 anos (1.066 persoas máis). Pola súa parte, a afiliación á seguridade social caeu nun 0,23 % o que equivale a 2.134 persoas afiliadas menos.
Análise por sectores e interanual
Á vista dos datos de decembro, o paro aumentou en todos os sectores de actividade, agás no colectivo sen emprego anterior (487 parados e paradas menos, un descenso do 2,22 %) e nos servizos (2.379 menos, un descenso do 1,45 %). En termos relativos, o maior incremento deuse na agricultura (597 persoas paradas máis, un 6,53 %), seguida pola construción (1.817 máis, un 4,70 %) e, por último, a industria (661 máis, un 1,76 %).
Por sectores, e con respecto ao mes de decembro de 2012, o desemprego aumentou na agricultura (283 persoas, o 2,99 %) e nos servizos (1.023 persoas, o 0,64 %), mentres que baixa nas restantes.
En Galicia hai 7.724 persoas menos no paro que hai un ano, o que supón un descenso do 2,77 % (na media estatal o descenso foi do 3,04 %, 147.385 persoas paradas menos). No último ano, o paro baixou máis nos homes que nas mulleres (5.338 parados menos fronte a 2.386 paradas menos). Por idades, diminuíu en 3.120 persoas menores de 25 anos e en 4.604 maiores desa idade (descensos do 15,72 % e 1,78 %, respectivamente).
Análise da contratación
Durante o mes de decembro asináronse en Galicia 52.762 contratos (2.987 menos ca o mes pasado), un descenso do 5,36 %: a contratación indefinida cae nun 15,95 % e a temporal, un 4,48 % (680 contratos indefinidos menos fronte a 2.307 temporais menos). Do total de contratos asinados, os temporais representan o 93,21 % e os indefinidos só o 6,79 % (expresado en cifras absolutas, son só 3.582 contratos indefinidos).
Se a comparativa se fai co mes de decembro de 2012 —para evitar problemas de estacionalidade—, compróbase que a contratación indefinida baixou un 2,4 %, mentres que a temporal aumentou nun 19,63 % (88 contratos indefinidos menos fronte a 8.071 contratos temporais máis).
Afiliación á seguridade social
En Galicia, a afiliación á seguridade social está por baixo do millón de persoas (914.626) e hai 2.134 afiliados e afiliadas menos que en novembro, o que equivale a un descenso do 0,23 %. Pola contra, na media estatal obsérvase un aumento do 0,39 %, isto é, 64.097 persoas. En Galicia, a afiliación caeu un 2,07 % no réxime do mar (468 persoas menos) e un 0,26 % no xeral (1.753 afiliacións menos), mentres que no de autónomos sobe en 88 afiliacións máis, un 0,04 % de suba.
Nos últimos doce meses, a afiliación minguou un 1,38 % en Galicia, mentres que no Estado o descenso foi do 0,52 %. Neste punto, CC OO sinala a falta de proporcionalidade entre a evolución do paro rexistrado e a afiliación á seguridade social: o desemprego reduciuse en 7.724 persoas con respecto ao mes de decembro de 2012 e, pola contra, nese período a afiliación á seguridade social fíxoo en 12.757 persoas.
Valoración de CC OO
O 2013 foi un ano terriblemente negativo para o emprego en Galicia. A prolongación da crise, os nocivos efectos das reformas laborais e a persistencia nas políticas de axuste e recorte van na liña contraria de propiciar a recuperación da actividade e do emprego. Como resultado, bátense dúas tristes marcas: o maior volume de desemprego da historia galega e unha afiliación en descenso e por baixo do millón de persoas.
CC OO insta o presidente da Xunta a aclarar por que non dá resposta ao principal problema dos galegos e das galegas, que é a falta de emprego, xa que a evolución do paro é moito peor en Galicia que en España. Ademais, a afiliación á seguridade social segue a tendencia contraria á do paro, evidenciando unha saída masiva de persoas do mercado laboral galego por falta de expectativas de atopar un emprego no propio país.
Case trescentas mil persoas no paro, moitas delas en desemprego de longa duración e case sen prestacións, evidencian a falta de vontade política do Goberno da Xunta de solucionar os problemas da maioría social. A recente aprobación dos orzamentos para 2014, que non incorporan medidas para a recuperación da actividade económica e o emprego, son unha mostra máis de que o Executivo de Feijóo vive de costas á realidade que goberna.
CC OO apela á responsabilidade do presidente da Xunta para que aposte polo futuro do país, dos galegos e galegas, e esíxelle a aprobación de medidas que contribúan a crear actividade, emprego e darlles cobertura ás persoas que carecen de prestacións. Galicia ten competencia e autonomía financeira para facer políticas distintas ás actuais e que tan alto custo están a ter para a cidadanía.
No hay comentarios:
Publicar un comentario