Na cidade olívica, Toxo e Méndez deron unha conferencia de prensa conxunta pouco antes das 12 h, e posteriormente interviñeron nunha multitudinaria asemblea na que participaron máis de 700 delegados sindicais, que superaban o aforo máximo do teatro-cine dos Salesianos.
Pola tarde, ás 16.45, interviñeron noutra asemblea que tivo lugar na facultade de Informática da cidade herculina.En ambas as cidades estiveron acompañados polos máximos responsables de CCOO e de UGT en Galicia, Xosé Manuel Sánchez Aguión e José Antonio Gómez, así como polos secretarios xerais de Vigo, Xosé Cameselle (CCOO) e Antonio Juste (UGT), e os da Coruña, Xosé Lado (CCOO) e José Carrillo (UGT).
Ignacio Fernández Toxo e Cándido Méndez denunciaron nestas asembleas as «duras» medidas económicas que o Goberno español está a tomar para reducir o déficit público, seguindo as directrices dos grupos de presión financeiros que, «sen reparo nin vergoña», fan recaer na clase traballadora e as capas máis desprotexidas o peso dunha crise provocada pola política especulativa, desregulada, egoísta e insolidaria da gran banca e os partidarios de medidas neoliberais.
O secretario xeral da Confederación Sindical de CCOO afondou na cuestión e afirmou que «sabemos cales son as causas da crise, sabemos quen foron os causantes, sabemos quen son as vítimas e, porén, a alternativa que dan os gobernos da Unión Europea como panacea para saírmos dela é a redución do déficit». Unha medida, apuntou Toxo, que vai provocar unha diminución dos recursos para os traballadores e as traballadoras, máis paro, menor cobertura para as persoas sen emprego e máis pobreza para o conxunto da cidadanía.
O líder de CCOO expresou que se o obxectivo da loita contra a crise non é o dereito ao traballo, estamos ante algo «inxusto, insolidario e economicamente regresivo». Na súa opinión, hai unha «obsesión desmedida» por conter o gasto, pero non por aumentar os ingresos mediante a persecución da fraude fiscal ou da economía mergullada, como tampouco se aumenta a recadación impositiva sobre o patrimonio nin se controla debidamente o diñeiro evadido a paraísos fiscais.Para Toxo, «a Europa do benestar está en perigo» pola defensa de posicións «ultraconservadoras».
Segundo o responsable de CCOO, «quérennos apáticos, resignados, débiles, para que o mercado nos impoña as súas condicións sen pensar no ben da cidadanía». Por este motivo, «agora é o momento da mobilización. Precisamos un éxito colectivo para seguir avanzando cara a un mundo solidario e de xustiza».Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2010
No hay comentarios:
Publicar un comentario