Fecoht Informa

Fecoht Informa

04 abril 2014

CCOO e UGT organizaron concentracións en oito localidades para esixir a fin das políticas de austeridade

CCOO e UGT organizaron concentracións en oito localidades para esixir a fin das políticas de austeridade
  • Reivindican un plan de investimentos para crear emprego
O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia e UGT-Galicia organizaron concentracións na Coruña, Ferrol, Santiago, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa baixo o lema «Hai que parar as políticas de austeridade». Denunciaron que aumenta o paro e se deterioran os servizos públicos, ao tempo que os salarios e pensións perden poder adquisitivo e todo isto causa máis e máis pobreza e exclusión social. Por todo isto, esixiron un plan de investimentos para crear emprego.
 

As mobilizacións programáronse ao abeiro da convocatoria da euromanifestación da Confederación Europea de Sindicatos (CES) o 4 de abril en Bruxelas, na que participarán máis de vinte sindicatos duns doce países para esixiren un cambio de rumbo das políticas europeas e nacionais. Porque así non se pode seguir. As políticas de austeridade e recortes que puxeron en marcha os distintos Gobernos, co español á cabeza, da man da chamada troica, non fixeron máis que acentuar as desigualdades entre uns países e outros, o paro, a pobreza e a exclusión social. Ademais, produciuse un forte retroceso das políticas públicas, nun contexto de progresivo desmantelamento do estado de benestar e de eliminación de dereitos sociais e laborais. Son xa 26,5 millóns de persoas en paro, das cales case 6 millóns son menores de 25 anos.

Desde que en maio de 2010 as autoridades comunitarias impulsaron os plans de axuste e cominaron os Gobernos da Unión, entre eles o español, a unha redución drástica do déficit e a aplicar reformas estruturais do mercado de traballo, do sistema financeiro e das pensións, asistimos a unha perda continuada de dereitos e prestacións e mais a un aumento escandaloso do desemprego, que en España afecta xa a seis millóns de persoas, das que 280.000 son galegas e, destas, 35.000 son menores de 25 anos.

Urxen outras políticas económicas e sociais orientadas a reactivar a economía, crear emprego e avanzar cara a outro modelo produtivo. Non se pode permitir que se siga desmantelando o estado social e perdendo transcendentes conquistas sociais e laborais.

Neste sentido, ambos os sindicatos apoian a iniciativa da CES de lles demandar con urxencia ás autoridades europeas e aos Gobernos nacionais un programa de investimentos en sectores como a enerxía, redes e infraestruturas de transporte e telecomunicacións, a reindustrialización en sectores de futuro, a educación, a formación, I+D+i, servizos públicos de calidade ou rehabilitación de vivenda social... Proponse, para isto, un obxectivo de investimento anual do dous por cento do PIB europeo durante dez anos para que Europa volva á senda do crecemento económico sostible e da creación de emprego.

No hay comentarios:

Publicar un comentario