CCOO e UGT mobilizaranse o día 16 contra o «austericidio» e en defensa da democracia
- Haberá manifestacións na Coruña, Santiago de Compostela, Ourense, Pontevedra, Vilagarcía de Arousa e Vigo, así como concentracións en Ferrol e Burela
Os secretarios xerais de CCOO, Xosé Manuel Sánchez Aguión, e UGT, José Antonio Gómez, presentaron esta mañá as mobilizacións en defensa do emprego e da protección social que terán lugar o 16 deste mes. Nesa data haberá mobilizacións en toda Europa, convocadas pola Confederación Europea de Sindicatos (CES), organización da que forman parte os dous sindicatos.
Segundo o secretario xeral de CCOO, a poboación máis desfavorecida é a que máis padece as consecuencias destas políticas, e alertou da «emerxencia social» que se produce por mor da «insostible» taxa de paro xuvenil e polo incremento do número de persoas que actualmente carecen de calquera tipo de prestación social ou fonte de ingresos.
En opinión de Sánchez Aguión, a situación agrávase polo «ataque constante e permanente» contra os servizos públicos, que son «máis necesarios, se cabe, en épocas de crise». Neste sentido, afirmou que a «política do austericidio» que se está a aplicar na zona euro pon en risco o modelo social europeo. «A Unión Europea non é só unha zona de libre cambio, senón tamén un modelo social, baseado no estado do benestar», apuntou.
O secretario xeral de CCOO considera ademais que a propia democracia «está en risco», xa que se atopa «sometida» ao poder financeiro e económico. «Precisamos recuperar a democracia como expresión dos intereses da maioría da poboación», sentenciou.
UGT e CCOO aseguran que é posible facer outras políticas, abandonando as «receitas fracasadas» da austeridade, e apostar por un cambio de modelo produtivo que non asente en baixos salarios e precariedade laboral, poñer o acento nos investimentos, adoptar unha fiscalidade gradual e redistributiva sobre os ingresos e a riqueza, e acabar cos recortes no gasto público, a protección social e os salarios, porque son inxustos, aumentan o desemprego, as desigualdades e a pobreza, e agravan a recesión.
Manifestacións
Así as cousas, CCOO e UGT convocan seis manifestacións e dúas concentracións en Galicia o día 16. A seguir indicamos os lugares e horas.
- A Coruña. Saída da praza da Palloza ás 12 h e remate na praza do Obelisco
- Ferrol. Concentración ás 12 h da praza do Inferniño
- Santiago de Compostela. Saída ás 12 h da Alameda e remate na praza das Praterías
- Burela. Concentración ás 12 h na praza da Mariña
- Ourense. Saída ás 12 h do pavillón dos Remedios e remate na Subdelegación do Goberno
- Pontevedra. Saída ás 11:30 da praza da Ferrería e remate na Subdelegación do Goberno
- Vilagarcía de Arousa. Saída ás 12 h da avenida da Mariña e remate na praza de Ravella
- Vigo. Saída ás 12 h do cruzamento da Vía Norte con Urzáiz e remate diante do edificio da Xunta
No hay comentarios:
Publicar un comentario